TEDIO

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

10 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

É preciso que algo cambie para que todo siga igual. En tan breve sentencia condensamos o sucedido o pasado martes: revolución gobernamental, crise, golpe estratéxico. Ficción. A min sorprendeume o cataclismo mentres practicaba un dos meus oficios máis ridículos (por absurdo): o zapeo televisivo. Tal ventura propiciou que días atrás presenciara unha enquisa esclarecedora: España ignora o que é un pentágono e, pese a todo, coñece os noivos dunha tal Carmina. O martes, nas Públicas, as que todos pagamos e don José María Aznar presuposta, a crise política parecía profunda: na Primeira o analfabetismo funcional de Operación Triunfo e na TVG o divertidísimo, e formativo, Supermartes. Por un momento pensei que o Ministerio de Cultura ía asentarse na famosa academia de cantadores. Pero non. Un mundo que ignora o que é un pentágono e, sen embargo, coñece todos os amantes de Carmen Ordóñez nunca sofre crise gobernativa. Nunca. Este país non distingue entre o banal e o relevante, a vulgaridade e o sobresaliente. Cambia o goberno pero a estulticia reina definitivamente nos territorios de Hispania. Conquistounos o tedio. Nada cambia. La vida sigue igual.