No programa da representación de Los viejos no deben enamorarse figuro eu como autor da «versión», lapsus por «traducción». En efecto, eu son o responsable da traducción, a partir da cal fixo a súa «versión teatral» Manuel Guede: a súa magnífica versión, que culminaría cunha brillante e audaz dirección. Este é o Castelao que falou en Madrid e Salamanca, que falará noutros moitos escenarios de España e que se ofreceu en Galicia en catro sesións (dúas en Pontevedra e dúas en Santiago). Porque o espectáculo de Los viejos responde a unha iniciativa do Centro Dramático Nacional (Madrid), que, no territorio e na lingua de Lope, Calderón, Benavente, García Lorca e Buero Vallejo, recoñece que na «periferia» galega hai un clásico que os non galegos deben coñecer e aplaudir. Ese clásico é Castelao, e, para montalo -por respecto e intelixencia-, contaron coa colaboración do Centro Dramático Galego. Que o Centro Dramático Español non tivese connosco a cortesía de ofrecernos esas catro simbólicas representacións sería case unha aldraxe. Eu case sei de memoria as dúas versións da farsa de Castelao, pero disfrutei oindo ós tres vellos, á Morte e a «Ela». ¡Mágoa que a miña traducción non teña o arrecendo estilísico do castelán de Castelao, un dos máis artísticos escritores que deu España en castelán no século XX! Repare o lector en dúas pezas de ouro; a conferencia Galicia y Valle-Inclán (Habana, 1938) e A defemsa da lingua galega nas Cortes Constituíntes (Madrid, 1931). Non podía ser doutro xeito nun home de tanto talento idiomático e de tan depurada vontade de estilo. Xa aquí, debo aclarar que a miña non foi unha traducción ad hoc ; os responsables desta montaxe escolleron a que eu publuquei na Editorial Cátedra (Madrid) nun volume titulado Cuatro obras , de Castelao, tres das cales traducíanse por primeira vez ó castelán. Foi Cátedra, daquela quen me pagou. Coñecedores desta traducción -e do meu prólogo-, un grupo de profesores de León invitáronme a falar a comezos de 1975 (marzo ou abril), xusto unha data en que, ó final da tarde, Franco decretou un novo estado de excepción no País Vasco, o que puxo moi nerviosos ós policías daquela cidade, tanto que, ás doce da noite, cando eu ía adquiri-lo billete de tren que me retornaría a Lugo, retivéronme dúas horas nunha dependencia da estación, entre desconcertados e faltóns. Un deles, quizais o que mandaba, botoume en cara que, nun día como aquel, viñese falar de Castelao, ó que contestei que, sendo eu profesor de Literatura e «autor» do volume que levaba na man, era a cousa máis lóxica do mundo. Dito o cal, o acompañante, maís do gremio, berrou: «Ese Castelao es de ETA». Eu, coa voz menos provocativa, aclareille: «Es un humanista; fue un humanista». Vintesete anos despois asisto, en Santiago, á representación de Los viejos no deben enamorarse , cobizoso de oí-la miña traducción, e, ó entrar no teatro, media ducia de mozos (con carauta, como na farsa de Castelao), recíbenme cunha pancarta en inglés (sic) en que me chaman «heroe». Supoño que foi polo medo que pasei na estación de León, en 1975, aquela noite en que eu cometín a ousadía de leva-lo nome e a palabra de Castelao por terras extragalegas.