«A copa do mundo é nossa, cos brasileiros non hai quen possa». Independentemente da escrita, ¿que falante da Península Ibérica, e aínda de calquera lingua románica no mundo, non entende o significado desta sentencia, de feliz actualidade, musicada por Vinicius de Moraes? En Portugal, os visitantes castelán falantes son atendidos e entendidos no seu idioma por xentes para quen o castelhano é transparente. A recíproca adoita non darse porque as linguas tamén son expresión de poder, non só de comunicación. La donna è mobile de Rigoletto nunca requeríu traducción para ser popular fóra de Italia, sendo norma representar as óperas en italiano... ou en alemán, coa traducción no libreto. O público do teatro non é menos culto que o da ópera, aínda que contemporáneamente se optara pola traducción, ata o exceso. E algo de innecesario exceso hai nesa representación en castelán dos Vellos de Castelao, pero non só porque, tal como parece e non foi desmentido, se financiou con recursos do CDG. A pregunta é doble: ¿Debemos investir nisto? ¿Debe representarse traducida para universalizala? Depende de canto e onde. En Santiago, non. En Madrid, depende. ¿Por que non aproveitar a carga expresiva da representación teatral e deixar a traducción para o papel? Seica existe unha traducción de El Quijote ao galego, case por exercicio filolóxico, pois era unha das poucas línguas nas que non fora vertido. Había que facelo e pagalo, mais, ¿quen a leu?, ¿para que lelo en galego se podemos facelo en castelán? Coñecer diferentes culturas enriquece, muito máis coñecelas na língua orixinal. Subtítulos A ricaz filmografía luso-brasileira, ou a italiana, non debería ser tratada en España como se dunha producción hollywoodiense se tratase, furtando aos espectadores da frescura do orixinal. Chegarían uns subtítulos. Mágoa que as antigas barreiras arancelarias e lingüísticas do vello estado-nación sigan innecesariamente vixentes no mundo da cultura, cando xa foron derrubadas nos negocios ou na relación social. Vai sendo hora de superar antigos prexuizos en aras da comunicación. A polémica sobre os Vellos só contribúe a restar folgos á normalización. O preocupante é, como lembra un lector deste xornal en carta ao director, que falar galego nun comercio de Vigo sexa un problema. A cultura galega contemporánea sempre se quixo universal. ¿Acaso os Vellos non foi estreada en galego en Montevideo? Por suposto que hai que universalizar a nosa cultura, por suposto que compre traducir. ¿Pero por que furtar a riqueza aos demais? Os holandeses non traducen ao alemán; mais os irlandeses e os vascos están obrigados a traducir a todos os idiomas o que fan na súa língua. Mudemos de perspectiva. Los Viejos , en Galicia, é como vender xelo aos esquimais. Por que non dirixir os esforzos de universalización a pular as capacidades de transparencia das linguas, contribuíndo a favorecer á harmonía lingüística entre países e culturas diferentes. Por que non aspirar a que algún día Saramago e Manuel Rivas sexan lidos en orixinal en Teruel. Eís a universalidade que queremos.