MEXILLÓN NEWS

OPINIÓN

29 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Lanzar unha pedra nunha lagoa a penas provoca un lixeiro sobresalto na superficie das súas augas. Facer brincadeiras cunha pedra sobre as ondas dunha ría pode multiplicar e diversificar as respostas do mar segundo se lle poida dar efecto, e tamén asegún sexan as tonas de mar que recorra. Apenas pasaron tres anos de lanzaren un pelouro, dende as páxinas de A economía galega de Caixa Galicia, vindicando unha reflexión para a industria mexilloeira galega que valorase a toma de posicións empresariais noutras áreas de cultivo, para que as respostas -aínda adiadas- sigan a se producir. As primeiras reaccións abalaban entre un clásico «coma o noso ningún», a aquelas outras máis requintadas que entrevían unha liña de opinión que poidera servir de coartada para que o capital tomara posicións que estragaran ó sector mexilloeiro galego, sen albiscar que capital tamén é a industria mexilloeira. As posicións de agora mesmo responden a un proceso de madurez do propio mundo do mexillón, ou cando menos ó dunha parte sobranceira del. Formular como interese propio instalárense empresarialmente nos cultivos de mexillón de Arxentina e Chile, como ven de facer o presidente de Opmega, supón asumir estratexicamente unha realidade que afecta de ano en ano a industria mexilloeira galega. Realidades alleas Se ben Arxentina é unha posibilidade, Chile é unha realidade asentada: A súa producción, aínda que a penas chega ás 35.000 Tm de materia prima, incrementouse nun 700% nos dez últimos anos. As exportacións no ano 2000 foron o 70% da producción, unhas 3.700 Tm de materia neta (sobre todo mexillón conxelado), das que a metade viñeron para Europa (Península Ibérica e Italia), incidindo directamente nos mercados da industria mexilloeira galega. O feito de manteren, unicamente, o liderazgo -agás China- na producción non ten por que ser garantía de futuro nos mercados nin nos beneficios. Sirva coma exemplo mesmo o de Chile, onde a pesares da expansión da producción e dos mercados, o precio por kilo de carne de chorito conxelado caíu nun 30% entre o de 1997 e o do 2001. De certo non son as empresas de orixe galega alleas á producción de mexillón en Chile, mesmo dende os seus comezos. O novedoso das posicións de Opmega é que unha organización de productores asuma, e non só no que toca ó cultivo en mar alleo, posicións empresariais cunha visión de mercados e producción globalizada. Novedoso será que os beneficios da industria mexilloeira sirvan para capitalizala e asentala nese contexto. Coñecer e aceptar realidades alleas analizándoas e interpretándoas dende os propios intereses, sabendo que é posible operar sobre delas, supón unha verdadeira nova no mundo do mexillón.