A CLIMATOLOXÍA

SANDRA FAGINAS [falar.ben@lavoz.es]

OPINIÓN

29 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Ultimamente vén sendo habitual ler nos xornais que calquera acontecemento «foi suspendido a causa da climatoloxía ». Este uso do termo é inapropiado e incorrecto. Climatoloxía é, segundo o DRAG98, 'a ciencia que estudia os diferentes climas da terra e as súas manifestacións'. Non pode empregarse climatoloxía como sinónimo de clima ('conxunto de condicións atomosféricas que caracterizan un país') nin como sinónimo de tempo atmosférico . Así, os actos suspendéronse a causa do mal tempo ou das condicións meteorolóxicas (non metereolóxicas) adversas . Mesmo se se quere especificar aínda máis, pódese engadir a causa da chuvia ou a choiva . Ámbolos dous substantivos son correctos en galego. A lingua galega ofrece un abano extenso de termos relacionados coa chuvia e a choiva. Igual que os esquimós distinguen varios tipos de neve, os galegos diferenciamos clases de chuvia. Non só temos dúas variantes do mesmo substantivo (chuvia/choiva) senón que para referirmos á 'chuvia miúda e compacta' podemos escoller entre orballo, babuña, babuxa, chuvisca, poalla ou zarzallo . E de aí outros tantos verbos: orballar, babuñar, babuxar, chuviñar, chuviscar, faiscar, poallar e zarzallar . Os malpicáns din que está garuando cando está caendo a chuvia propia da néboa. O termo garúa , que o DRAE01 recolle en español como americanismo, provén do portugués caruja ('orvalho'). Quizais o fluír constante dos emigrantes malpicáns a Perú fixo florecer a ambos lados do Atlántico a mesma garúa .