«Corrientes, tres-cuatro-ocho, segundo piso ascensor. No hay porteros ni vecinos...», cantaba o inesquecible Carlos Gardel; e aínda a seguimos a entonar quen temos naquel país benquerido familiares, amigos... Mais na Arxentina dos nosos amores cecais agora ninguén cante, máis ben todos choren. «No llores por mí, Argentina». E lembramos, quen peinamos canas ou xa nin eso, cando nos anos 40 chegaban á nosa Galicia barcos cargados con fariña branca, para así os rapaces que perdéramola guerra fartarnos de saborear «el pan nuestro de cada día, dánosle hoy». Arxentina, Venezuela, Cuba... Aquelas Américas ás que fuxían os nosos irmáns galegos, xa que aquí non había camiño para dous, son hoxe a fame, o desgoberno, o cárcere -por iste orde-, onde xa non se pode ir, senón todo o contrario. Aqueles paraísos que acolleran ás nosas xentes con agarimo de irmáns e onde se fixeron fortunas, ou alomenos conseguíase vivir con fartura e en liberdade; aqueles paraísos, xa só nos ofrecen ruíns novas nos medios de comunicación social, e son moitos dos que para alí marcharon os que queren facer o camiño de volta. Non chores por min, Arxentina. Chora polos teus fillos que xa non entonan ó inigualable Carlos Gardel: «Corrientes, tres-cuatro-ocho...».