A historia píllanos en plena declaración da renda. Miles de españois pasamos estes días polo trámite anual de descubrir as nosas intimidades diante da Facenda. Miles de españois do común, cos nosos ingresos regrados, as nosas nóminas, as nosas retribucións, o noso patrimonio doméstico, as nosas hipotecas, os nosos pequenos ou medianos negocios, que tanto custa sacar adiante, as nosas desgravacións... Aínda está recente o caso BBVA, esas catro sociedades financieiras na illa de Jersey (1987), con conexións nas illas Caimán, no paraíso fiscal de Liechtenstein e na banca suíza, que agurgullaron de súpeto, hai dous ou tres meses, cantidades multimillonarias de confuso destino. Por non falar dalgúns outros espectáculos anteriores (Telefónica): blindaxes de alta dirección e especulacións do accionariado. O cidadán do común pérdese nas cifras e presencia, abraiado, os acontecementos. Agora, no corazón do sistema, salta o caso Worldcom, unha das grandes empresas da telecomunicación e a nova tecnoloxía USA, referente do ambicioso discurso estratéxico que nos últimos anos viña liderando o modelo do novo século: a globalización, a liberdade dos mercados, a economía dos servicios, a información, a transacción dos chamados activos intanxibles . Un buraco contable de 3.800 millóns de dólares é moito máis ca un fraude, é un cataclismo. Para a empresa e para o propio sistema, tal que se vén reflectindo nos mercados de capitais de todo o mundo. Falan os analistas de burbulla financeira . O que no seu día parecía (ou moitos vendían) coma a gran panacea, a oportunidade universal, de súpeto, esfarélase diante dos nosos ollos coma unha montaña de area. As accións de Terra, por exemplo, que chegaron cotizarse a case que 150 euros, valen hoxe menos de 5. Os fondos de pensións, que afectan a miles de persoas e sobre os que a Administración veu construíndo o discurso dunha necesaria alternativa á posible creba ou limitacións do sistema público (as pensións da seguridade soial), minguaron no último ano espetacularmente. Un ten hoxe bastante menos do que tiña onte. Se é certo, como din os estudiosos, que o 65% da economía doméstica española está nos bancos (hipotecas, préstamos, obrigacións varias, etcétera), xa se pode entender que o cidadán do común (o mesmo que estes días se enfronta á declaración da renda) estea preocupado. É para estalo, abofé. ¿Que está pasando? E sobre todo, ¿que garantías dan as administracións, os poderes políticos (que eliximos entre todos), os estados, mesmo os organismos internacionais diante dun momento tan delicado? ¿Cómo non lembrar o crack histórico do 29, que afectou a medio mundo, cando miles de cidadáns norteamericanos viron desaparecer, case que da noite para a mañá, as súas economías domésticas, os seus fondos de aforro, sen posibilidade de recuperación? Certo que hoxe, setenta anos despois, o sistema dispón de procesos de control e garantías para evitar unha catástrofe daquelas características (cando menos teoricamente). Pero tamén é certo que a mundialización da economía, a dimensión global das transaccións, a dimensión xigantesca das cifras que veñen e van diante dos nosos ollos, a sofisticación tecnolóxica, o dominio cada vez maior do poder económico sobre o poder político e, ¿cómo non dicilo?, a ambición desmedida dos máis poderosos, elaboraron fórmulas de fraude, engano e perversión inimaxinables noutro tempo e que o común dos mortais non controlamos. Nunca a política foi tan importante, precisamente agora, cando tantos pretenden devaluala, acusándoa de retórica e inoperante. Non calquera política, por suposto. Nunca a democracia (o valor da información e o voto, a soberanía popular, non secuestrada) foi tan necesaria, tan útil, tan internacionalmente demandada.