A expresión tarde piaches e a súa variante tarde piaches pito serodio utilízanse cando alguén se lembrou tarde dalgunha cousa e xa non ten posibilidades de conseguir o que se propoñía. Empréganse, así mesmo, cando oímos unha queixa, un pedido de auxilio ou xustificacións tardías, de xeito que resulta practicamente imposible atendelas. Esta frase quedaría ben na boca do secretario xeral de Comisiones Obreras ó día seguinte da folga xeral, cando o Goberno ofreceu diálogo ós sindicatos. A diferencia doutras expresións que se usan en galego, pero que proceden doutros idiomas, este refrán é de orixe galega. O castelán adaptouno con idéntico significado na traducción tarde piaste . Existen varias versións sobre a súa procedencia, pero a máis curiosa, que non por iso menos fiable, remite a dous estudiantes galegos que quixeron gastarlle unha broma a un terceiro. Os tres apostaron a ver cál deles era quen de tragar enteiro un ovo cocido dunha soa vez. Despois de aceptar a aposta, os dous estudiantes primeiros prepararon ás agachadas dous ovos cocidos e un cru. Este último para o terceiro estudiante. No momento de pasarlle o ovo cru pola gorxa, o poliño piou, o que fixo que o mozo exclamase: «¡Tarde piaches!».