Escribo estas liñas en plena guerra de cifras. O habitual. A versión do Goberno por unha banda e a versión dos sindicatos e as forzas da oposición por outra. Cada quen, coa súa. ¿De que se trata? Xosé Luís Barreiro dicíao onte nestas mesmas páxinas: a guerra é mediática. No fondo, trátase de saír na televisión, ou nos medios. As cousas que non saen nos periódicos non existen. Cando o franquismo, as forzas contrarias ó réxime, na clandestinidade, falaban periodicamente de folga revolucionaria . Era a tradición bolchevique. A resposta popular, activa, contra o sistema totalitario. Nunca se concretou, por máis que algúns intentos parciais se ensaiaron. Isto, sen embargo, é outra cousa. O mundo mudou abondo dende aquela. E a sociedade española. No 88 (o 14-D), a convocatoria de folga xeral que os sindicatos promoveron contra o Goberno socialista, a segunda da democracia e, sen dúbida, a máis espectacular, apoiada tamén pola dereita, pilloume nun hotel de Madrid. As rúas estaban desertas. Non había unha alma. Pasei o día metido na habitación, sen teléfono, sen televisión (non existían as televisións privadas). Tampouco funcionaba o metro. Nin os taxis. A primeira hora da noite veume rescatar un amigo e levoume a tomar unhas tapas á chamada zona nacional , en Serrano. Non era un espectáculo agradable. Catro xornadas de protesta social convocaron ás forzas sindicais contra a Administración socialista (xuño do 85, decembro do 88, maio do 92 e xaneiro do 94). Esta é a primeira contra a Administración popular. Pero detrás das cinco hai un mesmo temor e parecidas circunstancias. A escalada neoliberal que se iniciou nos procesos de desregulamentación, privatización e reaxuste económico (prácticamente en toda Europa) afectan seriamente ó modelo de estado de benestar social , de inspiración socialdemócrata, que nacera despois da Segunda Guerra Mundial. Foi a Administración Thatcher, na Gran Bretaña, a primeira en tomar a iniciativa. Contra a burocratización, a competitividade. Contra o proteccionismo social, a libre competencia no mercado. Ese era o discurso. Caído o muro de Berlín e desaparecido (por inoperante e non menos inxusto) o referente socialista, os novos gurús da economía, impulsados polo capital transnacional, proclamaron a lei de crecemento económico coma o motor fundamental do progreso (confundindo progreso con acumulación) e o discurso democrático da esquerda ficou descolocado. Segue sen encontrar o norte. O resultado é que as forzas sociais (as forzas do traballo) apandan con practicamente tódolos custos da viaxe. ¿Quen se lembra dos Pactos da Moncloa? Daquela, en plena crise da transición, a democracia española instaurouse sobre un gran acordo que, en parte, aparece recollido na Constitución do 78: o Estado Social. Un compromiso de estabilidade no que o Estado asume, decididamente, o papel de dinamizador e árbitro, garantía das necesidades mínimas, asistencia ós máis necesitados e reparto xusto dos excedentes, o equilibrio territorial e as obrigacións das partes; dito doutra maneira: o modelo que dende a Gran Guerra configurou en Europa un dos máis grandes períodos de estabilidade social e económica da súa axitada historia. Iso é o que está en crise. Ollemos se non o mapa electoral dos últimos tempos: a escalada da dereita conservadora, a confusión da esquerda (desorientada), ese agromar das solucións autoritarias e á defensiva fronte ós desafíos da globalización e o cambio. Non se albisca no horizonte (aínda) unha alternativa.