A carón de Santiago atópase O Milladoiro, lugar pertencente ó Concello de Ames. Este topónimo está intimamente ligado coas peregrinacións a Compostela. Segundo explica Fernando Cabezas en Os nomes de lugar os antigos peregrinos tiñan o costume de depositar pedras formando moreas que sinalaban o camiño. Estes conxuntos coñecen en galego o nome de milladoiros, se ben se rexistra tamén a variante amilladoiros. Os milladoiros adoitaron situarse en lugares elevados dende os cales os romeiros vían mellor os santuarios. De acordo coa tradición, a súa orixe está na invocación que o camiñante efectuaba á divinidade para que a viaxe lle fose de bo agoiro. O topónimo O Milladoiro relaciónase, xa que logo, coa presencia abundante destes monumentos, construídos polos peregrinos que chegaban a través das Rías Baixas ou de Portugal. Existen varias posibilidades sobre a etimoloxía deste substantivo, aínda que a máis fiable parece ser a que recolle o diccionario da RAG. Milladoiro tería a súa orixe en humiliatorum , termo relacionado á súa vez con miliaru (miliario). Fóra de Galicia outros topónimos como Las Mijaradas (en castelán piedras miliarias ) ou Mijaraluengas en Burgos vincúlanse coa mesma familia léxica. Os milladoiros, pequenos monumentos populares nados entre a tradición relixiosa e a pagana, deron nome séculos despois a outro monumento popular, o grupo musical máis importante de Galicia: Milladoiro .