O MUSEO DO MAR DE GALICIA

FRAN ALONSO

OPINIÓN

07 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Un dos museos máis fermosos que visitei nunca foi o Museo da Pesca de Concarneau, no corazón atlántico de Bretaña. Curiosamente, alí exhíbense as maquetas dos primeiros buques conxeladores de Pescanova, o que nos pode dar idea da revolución que no mundo supuxo para a pesca a aparición dos buques frigoríficos, ideados en Vigo e impulsados por Valentín Paz Andrade desde a revista Industrias Pesqueras. Con esas maquetas, desde o Museo da Pesca de Concarneau presionan nun punto neurálxico da nosa identidade. A próxima inauguración no mes de xullo dunha exposición sobre os galeóns de Rande será o foguete que lle descubra ao público a existencia en Vigo do Museo do Mar de Galicia. Vigo (e o país enteiro) rexenera así unha parte fundamental da súa epiderme. Entre outras cousas, porque esta é unha cidade que medrou gracias á aportación dos que chegaron, como se di popularmente, atraídos polo cheiro da sardiña. Seino ben, pois meu avó, alcumado O Rapaciño, tiña sona de ser o mellor patrón de pesca de sardiña de todas as Rías Baixas nun tempo en que non existían os radares e para faenar eran fundamentais a intuición e capacidade visual para localizar esa ardora de prata que o peixe deixa no mar. Sen dúbida, o Museo do Mar de Galicia (que non é o primeiro, pois existe un pequeno pero modélico Museo do Mar en San Cibrao), deseñado polos arquitectos Aldo Rossi e César Portela, debe dotarse, esencialmente, de contidos que teñan que ver coa historia, a tradición e actualidade da nosa pesca e a súa entidade humana (oceanarios xa hai en Galicia), o que é especialmente simbólico nun momento en que a Comisión Europea quere borrar da costa galega toda a infraestructura da nosa pesca de altura. E ha ser un museo que, desde unha concepción moderna e humanizada, fale a lingua dos nosos mariñeiros, que non é outra que o galego. No Concello de Vigo existe un proxecto que deseñou o BNG para crear unha área museística que enlace un potencial museo sobre a nosa industria conserveira (creado nunha parte das instalacións da fábrica Alfageme) co actual Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, a través dun paseo de dous quilómetros. Agardemos que ese magnífico proxecto poida ser desenvolvido sen ningún tipo de trabas. O Museo do Mar de Galicia servirá para activar a nosa memoria histórica e para concenciarnos de que o mar galego, salvagardado de usos abusivos, non debe ser convertido nun mausoleo polos dictames da Comisión Europea.