QUI PRODEST?

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

Como ben se sabe, qui prodest é a pregunta clásica da que se agarda unha resposta que encarreire unha investigación cara ós sospeitosos dun acto delictivo. ¿A quen aproveita?, ¿quen se ve favorecido?, inquiren con frecuencia os que buscan ós responsables dun crime. O 15 de febreiro de 1898 foi saboteado o acorazado norteamericano Maine que se encontraba fondeado na badía de La Habana. O buque quedou destruido e morreron moitos soldados yanquis. Os EE UU culparon a España da sabotaxe, declaráronlle a guerra, e dese xeito contribuíron á independencia de Cuba, da que se aproveitaron dominando a illa durante máis de medio século. Anos despois sóubose que aquel atentado fora provocado polos propios americanos. O 27 de febreiro do 33, o Reich-stag alemán foi devastado por un incendio no que morreron algúns diputados nacional socialistas. Os nazis acusaron ós comunistas de ter causado o siniestro e aproveitándose desto tomaron o poder en 1934. Para que o abandonaran foi precisa unha guerra que durou seis anos e que lle custou a vida a millóns de persoas. Así mesmo, anos despois todos recoñecen que foron os nazis os causantes do incendio. O 11 de setembro de 2001, as Torres Xemelgas de Nova York foron destruídas por un salvaxe atentado co tráxico saldo de milleiros mortos. O presidente Bush fixo a Bin Laden responsable desa masacre e ordeou unha ofensiva militar para capturalo. Favorecido por esta situación, o presidente norteamericano, que gañara as eleccións con dificultade, acadou o respaldo maioritario do seu pobo, conseguiu poderes extraordinarios, no seu país e no mundo, e puido tomar decisións que favoreceron á industria armamentista coa que teñen vencellos os seus negocios familiares. Meses despois, Bin Laden non aparece por ningures, malia terse arrasado Afganistán, onde presuntamente se atopaba, e sábese que a CIA e o FBI tiñan informacións que lles permitían ter evitado o atentado. Cando pasen uns anos, aínda se saberá algo máis.