DEMOCRACIA NO CAMPO

OPINIÓN

Vinte anos tarde chega a democracia ao agro coa celebración das eleccións a Cámaras Agrarias. Se nalgunhas Autonomías van pola terceira rolda electoral, compre preguntarse o por que desa tardanza en Galicia. Non é doada de comprender supondo, como fan algúns círculos habitualmente mal informados, que o mundo rural adoece de comportamentos cívicos non homologables ao urbano. Nestes días, de feito, pudieron lerse curiosas interpretacións celebrabando a derrota do SLG ou criticando o roubo da victoria dos XX AA por parte das organizacións afíns á oposición. Entre outras razóns, a tardanza en democratizar o campo galego deriva da inseguridade que deparaban os resultados, así como da vontade de manter o sector nunha indefinición respecto de quen son os seus lexítimos interlocutores. Quen coñece ben o comportamento dos labregos, e quen ten o poder en Galicia, está obrigado a coñecelo, sabe que unha cousa é o voto político do campo e outra o voto para representar intereses relacionados coa producción. A política como expresión de intereses explícase no agro naquela famosa sentencia de «amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale». Por iso, unha cousa é o voto para un deputado lonxano, mesmo un alcalde, e outra o voto para a defensa do futuro das explotacións. Isto é o que explica uns resultados nos que o suposto dominio do PP no medio rural non se concreta nas eleccións ás Cámaras. Houbo quen escribiu nestes días que o voto rural comportouse como se fose urbano, facéndolle perder á dereita o dominio das Cámaras nas mesmas provincias nas que perdeu as cidades. Pois claro. Fóra prexuizos, é doado de comprender que se xogaba para muitas explotacións a capacidade de resistir tempos difíciles que xa duran muito. Iso explica que no Deza ou na Mariña a maioría municipal do PP nos se trasladase ás Cámaras. Non había presa para que se expresase esa disfunción de comportamentos electorais, temendo de seguro as lecturas políticas posteriores.