O PETRÓLEO

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

02 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Este elemento fósil é o que move o mundo moderno que temos: os medios de transporte, as infraestructuras, o dinamismo que pasma, e outras moitas cousas que dan carácter e civilización dun século a este noso tempo en constante crecemento. O petróleo é unha enerxía non renovable, practicamente insustituible na automoción. Garda unha enerxía concentrada no seu enterramento que ven de lonxe no tempo. Nin a enerxía nuclear poderá prescindir do petróleo para a construcción das instalacións procesadoras nin para a preparación dos combustibles. Se de pronto se agotase o petróleo, a catástrofe que sobreviría é difícil maxinala. Mais o petróleo é abundante e barato, aínda que chegará un tempo no que empezará a ser un ben escaso e caro. Se, lucubrando, desaparecidos os combustibles fósiles a hecatombe alcanzaría a outros productos, que non entran na combustión pero dan carácter á nosa cultura, plásticos, gomas... En canto á súa función como combustible para producir forza no transporte e na producción de enerxía eléctrica, a súa desaparición deixaríanos á mercede de fontes de enerxía autorrenovables e outros combustibles de pouca importancia, todo elo ben escaso, cuio aproveitamento como forza motriz, en xeral, só tería sentido como enerxía eléctrica, que no transporte vaise a utilizar, de xeito económico, nos camiños de ferro, pois a acumulación de enerxía eléctrica será antieconómica. Todo esto é só un preámbulo para se decatar da importancia dos combustibles fósiles na civilización que temos hoxe, e tamén das barbaridades que se fan con el. Calcúlese a enerxía empregada na operación de Afganistán, na absorbida pola construcción da maquinaria de guerra e o seu transporte ademais da guerra mesma. O certo é que a maquinaria de guerra dos EE UU converteríase en chatarra se lle fallase o petróleo. E algo está pasando na política dos EE UU no Oriente Medio. Denótase algún cambio, aínda que a indefinición dos árabes entre o seu credo, interés económico e a conducta, non permiten acertar no que pasa. Algo pasa para que ó Bush o manden a ir a buscar petróleo pola outra banda, é dicir directamente por Rusia, o que pode cambear a política no mundo. Rusia vai recibir o espaldarazo da súa occidentalización, tamén axuda técnica para o desenvolvemento da industria petroleira, ó mesmo tempo que un fabuloso negocio que lle abre por si só todas as portas comerciais. E sobre todo unha certa supeditación dos EE UU ós intereses rusos, que poden obrigalos a «envainar a espada» en moitos dos proxectos terroristas que tiña o stablishment ianqui. Os gobernantes rusos demostran ter sentido da realidade incluso facendo ver que superan a historia pasada. Mais é difícil crer que se esquecen que foron os EE UU os que apoiaron ós talibáns e instruíron na sabedoría do terror a Bin Laden que obrigou a saír diezmado do Afganistán ó exército soviético, con víctimas que aínda se están laiando.