PERFORMANCIA

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

30 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O gran biblista Xabier Léon-Dufour confesa que a súa relación coa eucaristía se viu deformada por culpa da linguaxe. E ¿quen non? ¿Que nos poden dicir palabras coma transubstanciación? Pregúntase: «Entre a presencia corporal de Xesús de Nazaré e a súa presencia espiritual, ¿non hai un tipo intermedio de presencia?». Moitos enténdena coma biolóxica. O famoso benedictino Jacques Dupont di: «Consonte a linguaxe bíblica, o sentido máis natural das palabras sobre o pan e o viño sería: Isto significa, representa o meu corpo ». Os lingüístas distinguen entre linguaxe informativa e a performativa. Esta non só informa senón que realiza o que di. Xesús non informa de que iso sexa pan. Evidente. Mais en virtude da súa entrega e a comuñón vital dos discípulos, ese pan non é só o do forno senón un símbolo por el escolleito que orixina unha presencia auténtica, comunicativa. ¿Real? ¡Claro que si! O símbolo é algo real: os filósofos téñeno pola forma suprema da realidade. A performancia de Xesús non fai da hostia unha impanación de Xesús Cristo, e o comungante non mastiga o corpo físico ou biolóxico. A linguaxe performativa convídanos a vivi-la Eucaristía coma memoria histórica da paixón e resurrección fondamente presente polo sacramento-símbolo. Eu ben sei que haberá quen se sorprenda, pero non invento nada nin son ousado: isto é o que pensa a maior parte de crentes ilustrados pola fe e a teoloxía.