O ministros fracasaron. Socialistas, populares. As sucesivas reformas do sistema educacional resultaron funestas. Todo por culpa dos criterios técnicos, das estatísticas, da corrección curricular. Nunca primaron as humanidades: ao contrario, fundíronas. Importa coidar a amabilidade das Leis, non a súa aplicación. Así resulta que cada día vivimos nunha sociedade máis ágrafa. E agora, folga. Folga en contra da única lei que, polo menos, posúe un nome plausible: Lei de Calidade (aínda que, no fondo, sexa unha Lei de Utilidade: ideolóxica). Descreo dos responsables da educación, do sistema, da Universidade. Convertida esta última nun supramundo onde a brillantez e o sobresaliente deixou de ser unha condición ontolóxica, onde se fala moito de titulacións e nada da valía intrínseca das mesmas, onde o espírito humanístico e universal resulta un principio fosilizado. ¿Podemos chegar á Universidade sen ter coñecemento do Clásico? ¿Existe o Clásico nun Estado que le pouco (e mal)? A educación será unha batalla perdida mentres non se recupere o prestixio social das Humanidades, da lectura «en serio». E por aí deben empezar os que nos administran. E os administrados, tamén.