Mentres Feijoo é un devoto seguidor do centralismo borbónico, da eliminación de diferencias, de baleirar de todo contido sentimental o concepto da pequena patria propia, Sarmiento tivo unha constante preocupación polas cousas da súa terra, e moi sinaladamente pola súa fala. Sarmiento é así un precursor dos precursores do XIX. O afecto e admiración ó seu mestre levárono, sen embargo, a non contradicilo en absoluto cando na súa Demonstración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal de Feijoo defende o seu discurso sobre El amor a la patria , superando as tensións entre a grande (España) e a pequena (Galicia). Dende aí, dende ese sentimento de Galicia, explícanse racionalmente as orixes das súas críticas á centralización abusiva, ó sistema tributario espoliatorio dos labregos galegos, o abandono da atención á pesca, o menosprezo á língua galega, e ó propio sistema educativo. E explícase tamén a súa insistencia en propor métodos e industrias axeitadas para sacar Galicia adiante. A súa obra está inzada de reflexións deste tipo e no seu epistolario, tan rico e espontáneo, abunda este espírito e a exposición de ideas e medidas moi concretas e aínda actuais hoxendía.