Non é doado entender o que sucede. Nin sequera para os que estamos no allo destas cuestións, ou próximos ó allo. Seica a táctica é disparar contra todo o que se move. Hai a penas uns meses, Xosé Manuel Beiras, a quen admiramos e con quen compartimos tantas cousas, arrenegaba con furia digna de mellor causa contra o presidente da Xunta, Manuel Fraga, nunha especie de histrionismo que tocou fondo nas pasadas eleccións, na noite dos datos, cando o líder do BNG perdeu os papeis e chamou manipulador e tramposo ó gañador. Beiras viña metido daquela nun calexón sen saída, construido máis de retórica que de feitos, non sei se presionado por sectores da organización frontista ou por si mesmo, pero que en calquera caso o empuxaba cara a unha vía estéril, de difícil retorno, e ameazaba con empezar a distancialo aceleradamente da base dos seus propios votantes. Non é doado pensar nun partido ou formación política que aspire a gobernar o país e apoie a súa táctica (e case a súa estratexia) no palabrón, a descalificación, a mirada obsesiva cara ó permanente axuste de contas co pasado e a confrontación visceral. O encontro entre os dous líderes producíuse poucas semanas despois e case que por sorpresa. O lector sabe de que falo. En a penas vintecatro horas as lanzas mudaron en flores, os arrautos en sorrisos, as descalificacións en mutuos agasallos de recoñecemento, os insultos (pois insultos eran, das dúas partes) en cumpridos. Todo sen unha explicación. Debe existir algunha (a situación anterior era un disparate), pero á sociedade (ó electorado) aínda ninguén llelo explicou, cando menos dun xeito autocrítico, argumentado e coherente. Agora os disparos van noutra dirección: os socialistas. Os que dentro duns meses están chamados a ser aliados nos pactos municipais e que, obxectivamente, deberían configurarse como compañeiros estables dunha posible alternativa de goberno en Galicia, único modo de derrotar electoralmente ó PP, aparecen de súpeto como os grandes inimigos. Non hai peor pau que o da cuña máis próxima. Somos moitos os que cremos que, no camiño cara á necesaria renovación da vida política galega, a alianza entre o nacionalismo democrático do BNG e o socialismo galeguista do PSdeG-PSOE é o único vieiro posible: un pacto histórico entre formacións xeracional e ideoloxicamente próximas, con moitas máis afinidades do que parece (ou do que as liortas dos seus líderes deixan entrever), capaz de encaneirar a vida democrática cara a novas formas e prioridades. Un pacto que reilusione, que reactive iniciativas, que estimule a participación política e a cultura cívica (non burocrática, nin clientelar) e que nos sitúe nas coordenadas dun novo tempo. Tal encontro de intereses non se improvisa, nin é crible de súpeto, logo dunhas eleccións. Esixe estudio, reflexión madura (que hai que promover dende atrás), un novo discurso da imaxinación (non repetitivo), novos xeitos de ver a realidade, renovación de equipos e, probablemente, a participación activa de sectores da sociedade civil, non necesariamente organizados nas formacións políticas, que axuden a construír ese espacio de confluencia. Esixe pensar máis no país e menos na guerriña do propio. A penas o PSdeG-PSOE gañou dous puntos nas pasadas eleccións, por exemplo, o primeiro que se fixo, antes que calquera outra reflexión, foi avivar a fogueira de quen vai primeiro, se os galgos ou os podencos. A responsabilidade (e a incontinencia verbal) non vén só dunha parte. Hai que repartila. Pero mentres tanto, os outros miran, moven a gran tramoia (con notable eficacia política) e a auga segue a correr polo río.