A democracia é unha hipérbole. Todas as grandes palabras o son: grandilocuentes. Vivimos nun mundo que ignora o valor da arte, que despreza o pensamento, que vitorea a mediocridade, un mundo infeliz, caído, que escribiu Spengler en 1918: A decadencia (moral) de Occidente. A cor que a primavera deposita sobre os montes deste país do Noroeste non reconforta a caída. Progresamos, buscamos interneticamente, gozamos o diluvio da tecnificación, danzamos a danza do triunfo: aplaudimos o 18% por cento do candidato Le Pen. Pero a bota avanza, impertérrita, tirana, con infantería de lume anunciando o seu paso de valquiria feroz. Lume: arde unha española igrexa rumana, queiman unha parella e o seu bebé, un televisivo futbolista pega patadas a un encendido individuo que corre, varios afeccionados arden entre feroces gritos bélicos. A insensibilidade é unha asignatura que se aprende nas escolas: a imaxinación non puntúa e mirar as nubes resulta curricularmente incorrecto (Los bellos caminos no llevan lejos: proverbio chino que leo en axenda multiusos). Pero quedan as palabras inmensas: democracia, liberdade, fraternidade, xustiza (pobre Nevenka). Grandilocuencias, digo.