INNOVAR OU MORRER

OPINIÓN

04 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Adeus de novo a Nantes. Cada visita ás terras do Loira, e ás da Bretaña veciña, deixan no habitante da Fisterra española unha mestura de saudades e envexas: todos somos parte do Arco Atlántico, pero non é o mesmo ser español que francés. Non é o mesmo. Certamente, en Galicia constrúense moitos coches, e barcos nos que se integran todo tipo de tecnoloxías fillas da ciencia. Pero de Rennes e de Saint Nazaire saen automóbiles e buques deseñados en Francia, con compoñentes franceses. E non falemos de avións: sobre a placidez do lago, chateau ao fondo, séntese un poderoso barullo de turbinas. As copas de vermello viño do Loira parecen tremer e os comensais abandonan as peitugas de pato. Un monstro voador, algo entre globo e avión, ensombrece a escena. Esa máquina tremenda traslada pezas de Airbús entre Nantes e Toulouse... O anfitrión insiste durante o xantar de despedida: os hóspedes españois teñen ao seu dispor a organización que dirixe; e mesmo a persoa que destacou polos corredores de Bruxelas para que inflúa nos funcionarios da Unión. Cómpre pregoar O asunto non ten dúbida: cómpre pregoar. Nos Chantiers de l¿Atlantique ¿que constrúen hoteis flotantes, os love boats das películas¿ nada hai que dicir de innovación. Pero si nas empresas pequenas que forman a cadea de subministro do complexo naval de Saint Nazaire. Nelas debe repetirse que «só a innovación permite manter a competitividade», e uns conselleiros tecnolóxicos petan ás portas dos subcontratistas en santa misión... O Noroeste francés deixa saudades, ata de marisco e viño branco; e o viaxeiro chega estuporado ao Impaís, que se anuncia polo lume nos montes. Galicia arde, ardeu toda a noite. Na Radio Galega, ben cediño, o Xosé Manuel di que vai manter o diálogo con don Manuel sobre asuntos transcendentes, «de estado». Menciona o que entende a xente: senado, infraestructuras, pesca... Pero non fala da innovación, o máis importante hoxe, cando a loita pola sobrevivencia nas sociedades industrializadas ten un claro lema: innovar ou morrer.