Hai escritores que son unha sacudida, un disparo, un desplome de labios mordendo a túa alma. Hai escritores que perfilan libro a libro o debuxo inintelixible, pero exacto, do universo. Escritores que teñen o don da clarividencia, e a condena da esperanza, e as voces todas que Kafka e Flaubert gravaron para sobrevivir. Hai escritores que nos obrigan a ser máis felices (ou non). A felicidade: esa altilocuencia. Verás, Ernesto, eu creo que vostede é todos os escritores que un quere soñar cando soña ser escritor algún día. Escritor, digo: o cazador solitario que anda na procura de palabras para contar as cousas incontables, esas que nos definen e defenden, que nos crean e recrean, e disturban, e acarician, e demoran. Contigo, Sábato, un aprende que os grandes da Literatura van dictando as súas leccións en cada obra, que márquetin e mercado son cuestións tanxentes e subordinadas, que só a soidade empuxa ao talento (e ao revés), que podemos prostituír a nosa carne pero non, nunca, as nosas insaciables e doloridas e féridas novelas. Leccións, Ernesto. Hoxe estás en Compostela e redacto unha declaración de amor, unha columna, digo. Este, que te quiere de veras, maestro.