Facemos memoria dunha época sustancial no novo rexurdimento da cultura galega. Ricardo García Suárez, médico de profesión, labrou daquela unha personalidade intelectual, á marxe do seu traballo como tisiólogo. Co seudónimo de Xohán Ledo, firmou estudios de crítica artística, e mesmo literarios. Dispuña, ademais dunha bagaxe de coñecementos teóricos sobre o arte. Alá polos anos cincuenta do pasado século, formou parte do primeiro equipo que puxo en marcha a «Editorial Galaxia». Figurou como director artístico da mesma desde os momentos iniciais. Tamén como ilustrador da maioría dos libros que a editora ía tirando do prelo. Por iso semella insólito o silencio mantido sobre a obra que se lle debe. Non precurou nunca, pouco nen moito, Xohán Ledo, a captación do éxito. Realizou o traballo sempre cara a si mesmo, ó servicio da cultura galega. Lonxe do estancamento, mantiña vivos o seu espírito, a súa existencia e frescor creadores. Si repasamos o Catálogo das publicacións de «Galaxia» na primeira época, botamos de ver a autoridade da súa mestría como ilustrador, afirmada con eficacia. Convivimos durante unha chea de anos, colaborando na diagramación daqueles libros galegos que ían saíndo do prelo, con tantos atrancos. Pola súa inspiración, poseían os elementos esixibles na realización do renacemento aquí do xénero da ilustración. Reflexaba o ilustrador un profundo e sutil sentimento que informaba e conducía o seu labor como tal. Ofrecía un canto que se vertía entusiasticamente cara fóra. Debuxaba, pintaba, facía collage Xohán Ledo, pondo a proba as súas dotes de bo ilustrador. Coñecía ben os procedementos caracterizadores do xénero. Sentíase tamén familiarizado coas correntes anovadoras protagonizadas polos principais ilustradores europeos daquela hora. As tapas dos libros que deseñou, amosaban riqueza de virtudes plásticas. Eran de feitío peculiar e merecentes de evidente interese. Non deixaba nunca de se mover por un espírito de rebusca. Un espírito que o levaba a apertar cada tema proposto polos autores, con interpretación axeitada. Presentaba as tapas dos libros sen outras preocupacións que as de precurar reflexar a realidade do seu contido. Esa realidade traducíaa en debuxos, formas, luces, cores. Humilde, modesto, o seu arte de ilustrador obedecía a moitas outras cousas que á de ser orixinal e único. En verdade, non inspiraba a nada máis que a servir cos seus medios de expresión, á cultura do seu país. Acometía fronte ós temas que ilustraba, embebéndoos de carácter propio. En expresivas imaxes, sintetizaba axeitadamente a historia do que cada libro contiña. Foi moita a variedade que Xohán Ledo tratou nas súas ilustracións. Botar unha ollada a elas, en textos e tapas, é como mirar un suxerente calidoscopio. A composición aparece rimada sempre con grande acerto. Corroboran a condición dun bo debuxante. Os debuxos de nidiez lineal, acompáñanse moitas veces cun lixeiro ensombrizado de precisa intención decorativa. Xohán Ledo mesturou nas súas ilustracións diversas técnicas. A figura humana xurde en tódalas súas formas. A estructura da linguaxe plástica revela a aporte de variados procedementos que o ilustrador soupo asimilar. Imaxes novas para aqueles días, e un ledo sentido da cor. Acento de galeguidade universalizadora entrañada no seu espírito. Consustancializado coas artes gráficas, atinxíu nelas unha condición creadora. Poderíase calificar de clásica e moderna ó mesmo tempo. Si tivo presente a tradición tipográfica, gostou das manifestacións anovadoras. En calquera caso, a liña e a cor preocupárono na decoración e diagramación do libro. Á desinteresada laboura realizada por Xohán Ledo nunha época esencial de rexurdimento das letras galegas, débeselle a homenaxe da que é merecente. Compre rachar o silencio incomprensible tecido ó seu redor.