NEO-RINOCERONTISMO

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

28 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Como é sabido Le Rhinoceros (Rinoceronte) é unha célebre obra do autor teatral rumano-francés Eugene Ionesco, no que unha idea tenta arrastrar ó home polo camiño do rinocerontismo; a maioría o vai convertendo como unha nova ideoloxía, na que a parella protagonista que loita contra tan lamentable idea remata caendo nela. É dunha diatriba contra o conformismo cos réxímes bestiais. Posiblemente Ionesco tiña no punto de mira ó soviético, mais non é difícil sospeitar que xa estaba vendo o acontecer do nazismo e de outros totalitarismos que emerxían no resto da Europa. Os homes comportámonos, mal que nos pese, como seres gregarios, que herdamos do comportamento animal en manadas seguindo a cabezas que serven de guías, sen atender a outras consideracións lóxicas. Forza da grea ou do fato, que xustifica ás migracións gregarias. Hoxe estamos nunha encrucillada de ideas, que con distinto escenario e actores, pode arrastrarnos a un novo rinocerontismo. Non se trata dun fenómeno que nos recorda o que poda representar o extraño e maniaco Le Pen, que recordando un totalitarismo pretende arrastrarnos a outro. É curioso como a estas alturas da nosa cultura un importante sector do pobo pode seguilo. Non podemos esquecernos que logo que foi vencido nos presentaron a Hitler como un maniaco, un obsesivo. Si, pero un maniaco que foi capaz de partir do pobo máis culto de Europa e arrastrar a toda ela á súa tolería. Non debemos esquecernos que estes comportamentos os traemos no sangue, como os egoísmos, e que un conformismo con esta herdanza non debería ser algo do que nos sentísemos ledos. Hoxe parécenos que semellantes comportamentos deberían estar superados. Pode que non sexa así. Gobernados con técnicas moi estudiadas para convencer de calquera xeito, tamén confundindo, o neoliberalismo utilizando a un populismo chamado polos asombrosos avances da ciencia e das técnicas sofisticadas (para todos o disfroito de cousas materiais, motores que nos aforran traballo e nos levan a onde nos peta, aparatiños móbiles que nos permiten comunicarnos con todo o mundo mentres paseamos, ou ver no mesmo instante o que lle acontece ós nosos antípodas) o neoliberalismo, digo, utilizando a ese populismo, conducido por eses xefes do mundo, que se cren deuses omnipotentes para o gobernar e explotar, parécese moito na estructura a un novo rinocerontismo; é dicir a un novo totalitarismo, ó que non se lle chama fascismo, nin nazismo, senón que presume de virtudes democráticas, porque a palabra democracia ten prestixio adquirido por ter vencido en nome dela a outros totalitarismos. Europa, herdeira de ser o principio da civilización moderna, aínda que penetrada e ferida por intereses alleos, anda preocupada polo descuido que deixou asomar o fenómeno Le Pen. Ó stablishment americano non se teñen novas de que o de Le Pen lle teña preocupado.