TRAFEGO E ARTE

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO «Hay un hombre que trafica con las cosas / y otro hombre que las quiere organizar. / El organizador es el artista / el otro es el chalán. / Y la historia del hombre ha sido siempre / entre artistas y chalanes nada más».

21 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Esto o di León Felipe na súa Contienda. E Antón Baltar, de quen se vai saber algo máis por un libro que ten no prelo María Díaz, falábanos da ruina na que remata a obra dos homes prácticos en acumular riquezas, porque, xeralmente, non cren na poesía e na moral -é dicir: na ética e na estética-, que son as únicas cousas que teñen carácter de permanencia. A razón mecánica que está no fondo destas maneiras de ollar o panorama da obra dos homes está xa na teoría do valor de Marx, que lle serviu máis ó mundo capitalista que ó socialismo da URSS, preocupada máis das teorías que se escriben que de aceptar a realidade do home, que está máis por acumular riqueza que en perder o tempo en facer cousas que podan hipoteticamente elevar a condición humana. Esta realidade do panorama humano non é privativa do noso tempo; acompañounos dende que saímos da selva na que apoderarse do alleo era lei na escala ecolóxica. Mais hoxe os avances das técnicas, sobre todo as mediáticas, nos están retrocedendo, devolvéndonos ó espíritu da selva, pero esta de hoxe é unha selva na que domina o formigón, a folla de lata, o plástico e a basura embolsada. As actividades mediáticas empregan a maior parte do espacio dos productos, ou do tempo, en difundir, apoiándoa, a insaciable ansia de acumular riquezas. Algúns destes medios xa se titulan Negocios. En todos eles destácanse os miles de millóns empregados para se quedar cos negocios de outros, utilizando só as armas financeiras, aínda que para se apoderar de certas fontes de riqueza natural, todo val, incluída hoxe a masacre de quen as teña, practicada polo terrorismo do stablishment, baixo o eslogan de que se está a defender a legalidade instituída. Estes poderes salvaxes van dominandoo todo, ó mesmo tempo que o van privatizando, para que todo fique en liberdade de se poder apoderar del, confundindo negocio con economía, e con outras confusións máis sofisticadas, das que sería longo escribir. Así van transformando monopolios estatais en privados, baixo o pretexto de que estes son máis rendibles, o que en certos e discutibles niveis pode ser aceptado. A hipocresía medra coas ambicións desmedidas. Así pode explicarse que se pospoña deliberadamente a investigación das masacres en troques de evitalas, como as levadas a cabo en Yenín. ¡Mira ti, que homes de ben eses que lle diron tempo ó Sharon ese para que barrese todo, agora están dispostos a investigar o crime!, a sabendas que cos resortes que teñen o autor da barredura pasará a ser un xeneroso heroe da liberdade do orde estatuído polos que mandan. E perdonen meus lectores -se é que os hai- que remate con esto que está sendo noticia, aparentemente fóra do trafego e da arte, pero é que unha cousa é consecuencia da outra.