De sempre, case que todas as novas que nos chegaban dos EE UU procedían de New York, de Washington, de Boston.., quer dicir da costa leste. E a partir do 11-S aínda máis, pois do leste veunos a da creación dunha axencia estatal dedicada a fabricar novas falsas, a da decisión de investir nun novo artefacto nuclear, a da prisión indefinida de moitas persoas sen xuízo, a da existencia de presos de guerra que xa non se chaman de guerra para poder negarlles os seus dereitos, e a da ameaza permanente e xeneralizada a calquera que non se pregue ás esixencias do Pentágono. Pero nos últimos días, por mor do cine, algunhas informacións norteamericanas cambiaron de orixe, veñen agora da costa oeste. Aló, úsase moito a expresión «de costa a costa», e a distancia existente entre ambas as dúas é moi expresiva do grandor dese país, pero tamén das diferencias de pensamento entre unha e outra beira, que se manifestaron explicitamente co gallo da cerimonia de entrega dos Oscar. Cando dende o leste se imparte a doutrina do pensamento único para todo o planeta e se buscan actitudes vasalas dos aliados, é esperanzador que Hollywood abrira as fiestras á discrepancia e á diversidade. A baixa calidade que dende hai anos vén arrastrando o cine en xeral e o americano en particular, fai que o festival dos famosos galardóns cinematográficos deixe de ter importancia cinematográfica e pase a tela política e social. O gran protagonismo da presentadora Woopi Goldberg, os premios a italianos, bosníacos e negros e as alocucións politicamente incorrectas dos, xa de seu pouco correctos, Sidney Poitier e Robert Redford magnificaron as distancias de costa a costa. Fronte ó discurso unilateral de Bush que esixe seguimento de todos os líderes mundiais e determina quen son bos ou malos co baremo da maior ou menor aquiescencia ás súas imposicións, e contra a atmosfera abafante que impón unanimidades e condena disidencias, a xente do cine reclamou liberdade creativa.