BOMBEIROS-PIRÓMANOS

OPINIÓN

19 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

«Aznar e Batasuna necesítanse». Díxérono primeiro os nacionalistas vascos para escándalo de benpensantes interesados, seguíronos outros nacionalistas e Pasqual Maragall acabou na mesma para defenderse da burda manipulación usada ata a náusea nos últimos tempos: o intento de vincular coa violencia e os violentos calquera acción de oposición que mereza tal nome e, por suposto, calquera forma de protesta diferente das practicadas polos lobis lexitimados para influir nos despachos. Vincular o apoio de toda a esquerda catalana á mobilización de Barcelona coa presencia de Batasuna é unha temeridade. Nunca tanta xente logrou xuntar unha marcha a prol doutra globalización, nunca tan cívico foi o seu comportamento; ¿son todos aliados de ETA? Na lóxica de Aznar ¿suponse que si? O demo nos leve se así fora. Bercolusconi e o Blocco Nero necesítanse tamén. Os antiglobalización son anarquistas di. ¿E que pinta aí Maragall?: deslealtade e ridículo din. Os violentos son mui poucos, misturalos cos demócratas no discurso só permite enmascarar aos violentos e facilitarlles a súa reproducción. Nas grandes mobilizacións de masas esas minorías non teñen nada que facer. Vímolo nas mobilizacións sindicais galegas contra a reconversión dos anos oitenta ou recentemente nas mobilizacións anti-LOU. O uso electoral da violencia e máis o emprego da violencia como arma política é a outra cara da violencia mesma. A combinación das dúas caras é letal para as libertades e o pluralismo. En España parece consolidarse esa combinación dende hai demasiado tempo. É hora de decir un novo basta xa. Isto non é unha satrapía oriental das que falaba Montesquieu, ¿ou si? Cando para desenvolver o seu modelo de España, algúns necesitan identificar nacionalismo vasco con violencia, e axiña fan o mesmo para defender a súa política cotiá (cumbre de Barcelona) e, dende logo, para facer política electoral como se viu nas catro últimas eleccións imos por mal camiño. A última víctima destes trelos é o rector da UPV: culpable de ter independencia de criterio. Mentres, ¿que pasa co problema vasco? Mesmo queren convencernos de que non hai tal pero o que non se albisca é solución. Outras campás Nesta estratexia que non é criminalizadora, pois enténdena como un simple xogo político (aínda que máis perigoso que suxo) aos nacionalistas galegos salvounos, polo de agora a campá da distensión Fraga-Beiras, pero xa soan outras campás. Non deixa de ser significativo que o mesmo presidente houbera de corrixir ao secretario xeral de todos os populares para actualizarlo respecto da lealtade institucional do nacionalismo galego. Ese perigoso empeño en excluir usando a violencia como argumento, esa mistura de marketing electoral e josécalvosotelismo compre que se desterre da vida política se a queremos civilizada. Ao cabo, canta razón tiña Fraga canda falaba da necesidade de civilizar a política a partir da súa propia experiencia vital. Claro que non se experimenta en cabeza (xeración) allea. Pero, para ir alén da experiencia vivida, as sociedades dende Grecia, inventaron a Historia. Lembremos que ao preferir a inxutiza ao desorde o Goethe do primeiro liberalismo converteuse nun temeroso reaccionario Abonda de anatemizar ao contrario aliándoo cos violentos, non xa en relación co combate do terrorismo, senón con calquera discrepancia política e ideolóxica que adquira a forma de protesta, incluidas as constitucionalmente previstas. Porque outras, como as de Greenpeace, ou os encerros de estudantes ou de alcaldes, serían imposibles nesta lóxica. Por esta torpe vía lógranse dúas cousas, non aillar aos violentos e pemitir ademais que eles impoñan a axenda; e saben facelo, o exemplo de AGIR nas mobilizacións estudiantiles compostelanas así o demostra. Sobran bombeiros-pirómanos.