RAFAEL ALBERTI NO GROVE

La Voz

OPINIÓN

14 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

En abril do ano 1980, Manuel Lueiro Rey, abandeirado da causa cultural e da progresista ¿que, para el e para moitos outros, é a mesma causa¿, organizou unha homenaxe a Luís Seoane, que falecera na Coruña había un ano. Non foron unhas exequias literarias; foron algo máis, moito máis, tanto que os distintos intervenientes puxeron o acento, nas súas disertacións, nos enunciados críticos inherentes a calquera formulación cultural digna de tal nome. De feito, o intelectual homenaxeado ¿o artista e o escritor Luís Seoane¿, que foi sempre unha voz inconforme, invitaba ó exercicio crítico, especialmente naquelas datas ¿inicios da Democracia en España¿ en que eran moitos os que crían que certas sórdidas realidades eran transformables. Os textos que alí se leron e as conferencias que alí se pronunciaron acaban de ser publicados por Ediciós do Castro ¿a editorial, tamén, dos exiliados¿ nun volume que se titula Homenaxe a Luís Seoane (O Grove, abril, 1980). Figura como coordinador do volume, con toda xustiza, o director daquelas inesquecibles xornadas: Manuel Lueiro Rey. O traballo, non só material, de transcrición das cintas magnetofónicas foi feito axeitadamente polas profesoras Olga Pérez e María Xesús Vidal Alves. Interviñeron naquela celebración literaria entre conferenciantes, presentadores e poetas, dezaseis persoas, das que, sen contar a Lueiro Rey, sete xa nos deixaron: Rafael Alberti, Enrique Azcoaga, Xesús Campos, Arturo Cuadrado, Manuel Cuña Novás, Rafael Dieste e Uxío Novoneyra. A «estrela» daquelas xornadas foi Alberti, que era amigo íntimo de Seoane desde que se atoparan, ó final da Guerra Civil, no exilio de Bos Aires. Na capital arxentina, na tertulia do café Tortoni (o café das grandes tertulias), Seoane e Alberti (con outros exiliados) remoeron señardades e forxaron proxectos culturais para o día do retorno. Nun deses días Alberti escribiu o seu famoso poema a Luís Seoane, que non tardaría en incorporar ó seu libro A la pintura . Alberti, máis recitador que conferenciante, nas xornadas do Grove, leu eses versos, que tanto lle gustaban ó artista Luís Seoane: «Quema, distante, / el mar / un canto de emigrante. / Y siempre, en tu paleta, / una nostalgia quieta. / ¡Y el mar!». Así finaliza o poema de Alberti á pintura de Seoane. Na presentación de Rafael Alberti, Xesús Campos, tamén artista e escritor, dixo: «No ano 1923, e coa publicación de Marinero en tierra , abreuse a primeira páxina do libro de ouro da literatura universal, un libro que aínda está aberto». Nese día de abril de 1980 ¿un día en que O Grove era unha das capitais culturais de Europa¿, Alberti recitou outros poemas, entre eles un que nunca dixera en España e que finalizaba deste xeito: «España inamovible, / imposible, / impasible. / Locura inextinguible». Tamén recitou «Balada del que nunca fue a Granada», a Granada na que «hay sangre caída del mejor hermano». A conmovente balada era, no fondo, unha homenaxe a García Lorca, que tamén estivo no Grove en abril de 1980.