CASARES

La Voz

OPINIÓN

CARLOS G. REIGOSA

12 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Os que sempre envexaron ou criticaron as súas múltiples e altas ocupacións culturais e institucionais na vida pública galega calaron coa súa morte ou cambiaron o discurso. E eu enténdoo. En cambio, os que sempre pensamos que esas múltiples dedicacións, con ser importantes, só ían en detrimento da súa obra literaria (e así llo dixemos en máis dunha ocasión) lamentamos arestora a perda dun escritor galego de primeira liña que, de non finar tan pronto, seguro que aínda nos ía enriquecer e deleitar con moitas outras obras maiores. Era algo que cabía esperar da súa espléndida madurez. Este lamento meu, tardío coma todos, é a máis sentida homenaxe que lle poido render, seguro de que é, tamén, o que él máis estimaría como creador. Tiven proba disto nalgunha comida que compartimos. Porque Carlos Casares, o custodio máis ortodoxo e fiel dos autodenominados herdeiros da Xeración Nós, era, por riba de todo, un gran narrador, nacido para contar, e capaz de facelo cada vez dun xeito diferente e máis elaborado. Moitos dos seus relatos figurarán para sempre como obras mestras. Isto é o que importa e o que nos queda agora. Isto e máis a lembranza dun home bo e xeneroso.