MARINA MAYORAL
10 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hai vinte ou quince anos, cando os amigos me preguntaban a onde podían mandar a estudiar ós seus fillos, a miña resposta era sempre a mesma : á escola pública. E predicaba co exemplo: os meus fillos estudiaron no Instituto Ramiro de Maeztu todo o bacharelato. Hoxe, desgraciadamente, cando me preguntan, teño que decirlles: buscade un bó centro privado... E non se poden imaxinar con canta dor o digo, porque son unha defensora acérrima do ensino público. E non se trata só dunha cuestión ideolóxica. Pódelles asegurar que ata hai quince anos o ensino que se impartía nos institutos españois dáballes sopas con honda á que se impartía na maioría dos privados. Eu estiven en moitos tribunales de reválida e en probas de acceso á universidade e alí, en igualdade de condicións, os rapaces da pública defendíanse moito mellor que os que viñan coas notas hinchadas dos seus colexios. Non embargantes, por un arraigado prexuizo, moita xente, mesmo os que ocupaban cargos políticos e participaron na reforma que deu orixe á Logse, mandaban ós seus fillos a estudiar ó Liceo francés, ou o Instituto británico, ou ós maristas, e, por suposto, ó Pilar ... E eso sigue igual: pregúntenlle á xente que agora lle pon peros ós intentos de reforna da Lei de Calidade onde estudiaron os seus fillos, ou onde estudian os seus netos, sobriños ou parentes cercanos. Xa verán que cousa máis curiosa: moito dicir que a pública está ó nivel europeo pero á hora de escoller para os seus, escóllese a privada. Hai cousas que caen de caixón: non se pode pasar dun curso a outro sen aprobar as materias; non se pode xuntar na mesma clase a nenos escolarizados con inmigrantes sen escolarizar e que nin sequera falan o idioma; non se pode xuntar a estudiantes con deficiencias mentais ou psicolóxicas con nenos normais; non se pode tolerar a indisciplina, a falta de respeto nin o desorde; non se pode permitir a violencia de palabra e de obra ós profesores; non se pode abrumar a estes de horas lectivas e de atención ós alumnos sen ningunha compensación de ningún orden... Ou, mellor dito, poder, pódese, porque se ten feito, pero á vista están os resultados. Un 25% dos alumnos escolarizados é incapaz de conseguir ós dezaseis anos o título da ESO. E ese título non garantizan a quen o ten que sexa capaz de entender un texto literario. Así de triste: teñen problemas de comprensión lectora, que quere dicir, falando en prata, que non entenden o que len. O deterioro do ensino público, sobre todo ó nivel medio, é tan evidente e tan lamentable que todos temos que apoiar a reforma, deixando de lado posturas partidistas. Falen cos profesores dos institutos, que son os que mellor saben o que pasa nos centros. Non se fien do que din políticos ou autoridades académicas. E non se esquezan desa pequena proba: a quen lle cante hoxe as excelencias da pública, pregúntenlle onde estudian os seus.