Podémolo ver de varias maneiras. A máis inmediata, a que moita xente aínda considera, é a patriótica. ¿Cantos galegos hai no Dépor? Fran. Fran é o valor engadido, a referencia identitaria, a marca nacional. Igual que Michel Salgado o era no Celta, ata que foi buscar vida por ese mundos (emigración cualificada). Agora temos a Coira, e algún outro da canteira, pero pouco máis. A identidade do Celta está nos rusos. Cando eu era neno o Pontevedriña do «hai que roelo» fundamentábase nos heroes locais. Cholo, o capitán do equipo, conducía durante a semana o trolebús de Lérez, entre partido e partido, e os rapaces pediámoslle autógrafos nas paradas. Pirelo, extremo dereito, tiña unha tenda de bolas, trompos e caramelos na rúa da Oliva. O Atlético de Bilbao era daquela a nosa referencia. Todos da canteira. Todos do país. O modelo contrario era o Barça. Os tempos, a sociedade mediática, a globalización, o negocio do espectáculo, que move miles de millóns de euros, introducíu un novo concepto que vén consolidándose sobre todo a partir da década dos 90: o equipo é unha empresa. A marca nacional xa non está tanto nos xogadores que libran a batalla no campo (que ó cabo son uns profesionais) coma nos líderes do proxecto deportivo-empresarial que os dinamiza. O público (os siareiros) identifícanse co que o proxecto significa e representa. Personalízano nos xogadores, pero cada vez máis tamén nos directivos. No caso do Dépor, o valor engadido, mesmo a marca nacional é César Augusto Lendoiro. Son dúas maneiras de ver un fenómeno social que mesmo para os que non somos futboleiros ten interese obxectivo, na medida en que moviliza a poboación, activa as emocións, move diñeiro e constitúe, na prática, un dos referentes simbólicos máis activos das sociedades do ocio, e que tamén ten unha dimensión política. O orgullo colectivo pasou de identificarse coa figura aquela do heroe local, case doméstico, extraordinariamente próximo, «porque era dos nosos», a recoñecerse no proxecto empresarial que o clube representa e que introduce, ademais, tres conceptos característicos dos tempos que corren: a idea de risco (adestrador e directivos apostan por unha serie de fichaxes ou incorporacións a ensamblar nun conxunto, que poden resultar ou non), a idea de investimento (esas incorporacións deben ofrecer beneficios, tanto deportivos como económicos) e os mercados abertos (a intelixencia do empresario consiste en localizar e fichar alí onde queira que poida haber unha figura rendible, por riba de localismos e fronteiras). No Dépor hai andaluces, cataláns, madrileños, holandeses, arxentinos, brasileiros, marroquinos... Apliquemos o modelo ó país: cultura empresarial, capacidade de risco, investimento en información (cómpre saber onde está a riqueza posible, para incorporala) e portas abertas á inmigración cualificada: no futbol e na empresa, na universidade e nas artes. A Orquesta Sinfónica de Galicia, na Coruña, está constituída por un conxunto cualificado de músicos: a inmensa maioría procedentes dos países do leste de Europa. Se sabemos xestionar esa riqueza pode ser o xermolo de formación de varias xeracións de músicos propios, ademais de incorporar capital humano a unha sociedade (a galega) con problemas demográficos obxectivos. No caso do fútbol, iso si, cunha matización importante: a transparencia na xestión financieira, outro dos valores a considerar moi en serio nos novos tempos.