O PRETENDIDO DETERIORO DA ESCOLA PÚBLICA

EMILIO PÉREZ TOURIÑO Secretario xeral do PSdeG-PSOE

OPINIÓN

Estamos asistindo a un profundo cuestionamento do modelo educativo vixente. O Goberno e o PP comezaron pola descalificación da Universidade e hoxe continúan cunha operación descrédito da escola pública. Sen solución de continuidade pasamos de valorar que temos a xeración mellor preparada da historia, -compartido por todo líder político no mitin de turno-, ó discurso do alarmante deterioro da nosa ensinanza e o grave descoñecemento da nosa xuventude. Nada pode resultar máis alarmante que propoñer unha reforma educativa, sen unha avaliación documentada e contrastada da situación e as súas causas, sen abrir un debate rigoroso e sereno coa participación dos axentes implicados e as propias CC AA responsables da educación, sen que se coñeza un só documento cos contidos da pretendida reforma. Nada pode resultar máis falaz que plantexar unha reforma educativa, sen estar dispostos a falar dos recursos económicos a aplicar, das razóns da crise de lexitimación e autoridade do profesorado, da relación e influencia determinantes do entorno familiar de procedencia co fracaso escolar e a violencia nas aulas, da tendencia acentuada á dualización do sistema entre a escola pública e a escola privada e concertada. Todo isto no país e na comunidade, que está no furgón de cola de Europa no gasto educativo e que cada vez adica menos recursos á educación. Temos a fortuna de dispoñer dun extraordinario traballo de avaliación externa da calidade de ensinanza (OCDE, 2001), para trinta países desenvolvidos. O informe da OCDE, permite algunhas conclusións solventes: que o nivel cultural e de coñecementos dos nosos mozos menores de 15 anos é comparable ó dos países nucleares da UE, como Francia e Alemania; que ese nivel razoable, é o resultado dun sistema que conta con recursos moito menores, e que o resultado é alcanzado fundamentalmente por un sistema público de centros, que á súa vez, reduce as diferencias que proceden do desigual status e extracción social dos alumnos. Claro que hai que afronta-la reforma para a mellora da calidade da ensinanza. Pero non desmontando o actual modelo educativo, senón impulsando o seu perfeccionamento e mellora, correxindo as súas importantes limitacións, que as ten. Imos coñecendo algunhas propostas estrela. Reválida no bacharelato e probas de acceso polos centros universitarios, o adianto ós 14 anos da selección dos alumnos cara distintos destinos educativos ou a definición de itinerarios educativos pechados e estancos entre si. O problema non é en ningún caso reválida sí ou non. A cuestión radica na disposición a rompe-lo binomio, a tensión, entre igualdade e calidade. Propónsenos a meta da calidade, polo fácil, inxusto e regresivo expediente, de aparcar ou derivar ós alumnos máis necesitados de orientación e apoio. Plantéxanos unha contrarreforma educativa, na que a escola recupera o antigo papel de filtro social, serve para seleccionar, clasificar e excluír. A ensinanza, as nosas escolas e institutos públicos, foron o mellor instrumento que tivemos, en Galicia e en España, de igualdade, de promoción e integración social para a maioría dos cidadáns. A súa mellora ha de ser tarefa e compromiso de todos. Non podemos admiti-la reforma da calidade sobre o parámetro e a existencia previa dunha renuncia a que a educación avale o obxectivo da igualdade.