NA MESA DA COCIÑA

CARLOS CASARES

OPINIÓN

03 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

No periódico de onte, na última páxina, dábase conta desa nova frase gloriosa que pronunciou o Príncipe de Edimburgo o outro día en Australia, cando lle preguntou a un grupo de aborixes se aínda seguían tirándose lanzas entre eles. Non é moi distinto do que fixo hai uns anos durante unha visita a China, nun encontro con estudiantes británicos, ós que lles dixo se pensaban quedar moito tempo naquel país, que se fosen preparando, por que se lle ía poñer os ollos achinados. O príncipe consorte é especialista en ofender á xente, uns pensan que por corto, outros que por mala fe, resentido polo papel subordinado que lle toca xogar a un machista coma el. Noutra ocasión, durante unha conferencia internacional, o home da raíña fixo un chiste en forma de adiviñanza: se ten patas e non é unha silla, se ten ás e voa, aínda que non sexa un avión, se flota na auga e non é un submarino, entón poden comelo os chineses de Cantón. Ás veces, perde o control e insulta, como lle pasou co vixiante dun garaxe que non o recoñeceu. Ou lle dá un carracho ó chófer, só porque non arrincou cando el llo pediu. A prudencia non é unha virtude que adorne a este señor. Xa de novo, cando era mozo da futura Raíña, fartouse de contarlle ós amigos sobre o furor sexual da súa prometida, herdeira neste aspecto da potente libido da raíña Victoria. Por culpa desta incontinencia verbal, con frecuencia a casa real británica ten que desmentir ou aclarar as cousas que di, como cando comentou na prensa que era partidario de que a raíña abdicase antes de que estivese chocha. A min, este home dáme pena. En primeiro lugar porque naceu na mesa dunha cociña, sen luz nin auga. Tamén porque se criou cun tío que só coleccionaba obxectos pornográficos, que doou ó Museo Británico.