LIORTA DE NOIVOS

OPINIÓN

Estabamos miña parella e máis eu agardando un autobús que nos levaría á casa duns amigos. Non facía frío , no ceo do crespúsculo brillaba Venus, notabase que a primavera estaba xa perto. Un rapaz novo chegou á parada. Como a min non me gusta agardar a pé firme comecei a dar pequenos paseos. Nun deles, ó pasar xunto ó rapaz, preguntoume que hora era. Ó responderlle fixeime nel: non era moi alto, pero si ben feito, cunha cara morena e guapa. Por como vestía, eu diría que era un operario, non un estudiante nin un oficinista. Ó pouco rato chegou unha rapaza: era pequena, pouca cousa, máis ben feuchiña. Vestida sen gracia. Comezaron a falar e as súas voces foron subindo de ton. Eu estaba paseando, como lles dixen, e nos paseos tocábame pasar por diante deles. A miña parella colleume do brazo: Non te metas, dixo. ¡Eu non pretendía meterme, só escoitar! Dende onde estaba chegabanme frases soltas: ¡Quédate coa túa familia, coas túas amigas, co teu violín!, dicía el. Eu ollei se ela levaba algún instrumento musical, ou partitura, pero non se lle vía. Quizais o do violín era unha maneira de falar, ou quizais ela toca realmente o violín . As palabras dela perdíanse nun tremor de bágoas. As del, máis fortes, chegaban claramente: ¡Agora vas ver o bon e o malo que podo ser!, repitiu varias veces. Aquelo de ser ó mesmo tempo bon e malo non parecía ter moito sentido, pero o ton era sen dúbida ameazador. A estas alturas a rapaza xa choraba. El berrou varias veces: ¡que queres, a ver, que queres! Entón entre bágoas, ela dixo: ¡Quero que me queiras! O rapaz fixo como quen non oe . Eu díxenlle á miña parella: ¡que mal bicho! El contestou: A saber o que ela lle fixo... Nese momento chegou o autobús. Eu quedeime perto deles, pero non falaron. El situouse un pouco diante dela, dándolle as costas, pero ó alcance da vista dela, de maneira que pudiese darse conta de que a ignoraba. Ela ía ensimismada na súa pena cun xesto de enorme tristeza na cara, arroxada polas bágoas . Ó baixar do autobús case a rocei. Sentín a tentación de dicirlle: ¡vas ser moi desgraciada con el; mándao a...! Se non o fixen non foi porque resultase imprudente ou por temor a que me soltase métase nas súas cousas. Eu son das que pensan que cando se pode amañar algo hai que meterse, aínda que unha non saia moi ben parada do entorto. Non o fixen porque tiven a certeza de que era inútil. O amor, xa saben . Ó baixar do autobús caía xa a noite. Venus desaparecía polo horizonte. ¡Pobre rapaza! ¿dixen¿, ¡se xa de noiva a trata así!... Non se sabe ¿dixo a miña parella¿. Ás veces estas mainiñas acaban levando ó home ó rego . O autobús perdeuse na escuridade da noite. Se fose o comezo dunha novela ó mellor poderiamos saber como acabou a liorta e que foi deles dous. Pero a vida é así .