Os compañeiros da Revista Galega de Educación queren voltar botar as naves. Logo de case tres anos de silencio traballan para volver saír. Na última semanas asistín a dúas presentacións de publicacións de pensamento crítico en Galicia: Tempo Exterior , que dirixe Xulio Ríos dende Vigo, responsable tamén do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), e Dez-M , a revista da fundación Dez de Marzo (CC OO), que se define de estudios históricos e ciencias sociais. Non son as únicas, afortunadamente. Algunhas máis hai. Pero recoñezamos que non corren os mellores tempos para a reflexión e o estudio das ideas. Ámbalas dúas van polo quinto número, cun nivel de calidade e de esforzo certamente meritorios. O caso de Tempo Exterior sobre todo é de especial relevancia na medida en que intenta abrir novos camiños nun ámbito no que tradicionalmente o pensamento galego e a acción política non sempre reflexionaron abondo, encerrados de máis na lideira doméstica. Na era da globalización, onde as fronteiras cada vez aparecen menos definidas, ou onde os discursos internacionais ou transnacionais son cada vez máis determinantes, a información, o estudio e o debate sobre estes asuntos constitúe (ou debería constituir) materia obrigada tanto para o mundo universitario como para o empresarial, a política, a cultura e, en xeral, canto ten que ver co desenvolvemento dos nosos intereses colectivos e a nosa identidade. A educación é outro ámbito estratéxico decisivo. Volve o debate ás escolas. Debe volver. Malo se fica reducido exclusivamente ós círculos minoritarios da decisión ou o poder político. Reaccionar só por instinto, cada vez que o colectivo se sente ameazado, é perigoso e, ó final, conduce sempre á frustración e ó fracaso. Primeiro, porque se esgota en si mesmo, unha vez queimadas as enerxías da reacción. Segundo, porque tende a ser visceral, puramente reactivo, non racional, e a planificación ou reforma deste ámbito, que é un proceso que se dá ciclicamente en tódalas sociedades, debe implicar a tódolos axentes (moi especialmente ós profesionais do ensino) e debe, xa que logo, ser reflexionado, contrastado e interiorizado. A principios dos anos 80 actuaban en Galicia máis dunha ducia de grupos de renovación pedagóxica, profesionais sensibilizados a prol da necesaria reforma que daquela demandaba a escola. Sobre esta base construíuse en gran medida a reforma socialista, que non satisfizo a todos, pero que tiña unha fundamentación. Daquela xurdíu a Revista Galega de Educación (1986), que contaba cun precedente, As Roladas (1978-1981), órgano de expresión da chamada Nova Escola, e que aglutinaba a once daqueles grupos. O Ensino foi outra publicación da época (ASPG), hoxe tamén esmorecida. Trátase de recuperar, pois, o discurso, o pensamento, o debate necesario, sen o que non hai posibilidade de debatir o futuro. Trátase de facelo dende a reflexión, a información e o estudio, condición indispensable para actuar. Os tempos e as sociedades modernas non admiten a unidireccionalidade. Ese debate ten que ser necesariamente plural. Pero a pluralidade esixe voces conscientes, documentadas, capacidade de reflexión e expresión moi especialmente na base. Non nos queixemos se logo nos fan escribir ó dictado.