CARLOS TAIBO
26 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Moitos son os que se preguntan polo acontecido coa globalización neoliberal despois do 11 de setembro. A análise máis común suxire que aquela ten experimentado un freo provisional: ante unha incertidume xeralizada, a economía norteamericana ten asumido unha operación de peche sobre si mesma, concretada nunha sensible reducción dos seus niveis de exportacións e importacións. O fenómeno tense repetido, se cadra con dimensións menores, nas restantes economías occidentais. O máis sinxelo é adiantar, claro que a parada técnica que nos ocupa ten unha condición pasaxeira, de tal xeito que antes ou despois a globalización recuperará o seu pulo, tanto máis canto que os mecanismos de poder ao alcance das potencias occidentais e das súas redes están a experimentar un franco afortalamento. Se case todo o mencionado remite ¿digámolo de novo¿ a circunstancias pasaxeiras, non pode dicirse o mesmo doutro feito chamado a permanecer. Moitos especialistas identifican o renacemento do que algúns entenden é un keynesianismo de dereitas . Os estados están recuperando importancia económica, no bo entendido de que esta nada ten que ver coas súas eventuais funcións distributivas e sociais ¿as vencelladas con pensións, hospitais e escolas¿, e si cos seus atributos represivos. Os gastos militares e policiais están a dispararse en case tódolos lugares, con Estados Unidos en visible vangarda. Hai uns días soubemos que o presidente Bush ten en mente un espectacular incremento, dun 12%, no gasto militar. A situación que acabamos de describir non é nova. Hai vinte anos, ao abeiro das políticas reaganianas, xa tivemos a oportunidade de avaliar algunhas das contradiccións máis dramáticas do discurso neoliberal. Daquela EE UU optou por acrecentar de forma notable os seus orzamentos militares ¿lémbrese, sen ir máis lonxe, o proxecto de guerra das galaxias ¿ mentres mantiña, sen embargo, criterios radicalmente neoliberais no que atinxe ao resto da economía. O resultado foi un evidente paradoxo: o défice público creceu formidablemente nun país que estaba a desenvolver políticas que na teoría aspiraban a cancelalo. Hoxe estamos obrigados a extraer unha conclusión paralela: o afortalamento dos aparatos represivos no Norte do planeta vincúlase estreitamente co designio de ratificar as tensións de separación e desigualdade inseridas no proxecto da globalización neoliberal.