ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
24 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Esto non é novo; hai coarenta anos Xesús Alonso Montero xa fixo un informe dramático sobre a lingua galega que puxo en garda contra el a todos estos xenios literarios que temos por acó, que ainda hoxe están seguros que o galego non desaparecerá xamais dada a riqueza literaria que temos; o que poderá ser certo se esa riqueza literaria é unha verdadeira riqueza e poderá conservarse nos tratados de literatura e poesía, nos estudos universitarios... Se entón hai tempo pra recoller esa enorme cantidade de literatura e tamén de poesía que estamos producindo, case tanto como o que producen os artistas plásticos, ainda que dificilmente en extensión. De linguas desaparecidas como medios de comunicación coloquial fican obras imperecedeiras, como son o grego clásico, o latín, o mozárave, e non digamos das de América, mais, como medios de comunicación para o trafego da vida entre os homes desapareceron. Faime moita gracia, ainda que unha gracia dramática, que os responsables das áreas lingüísticas do noso país, todos a unha -velaí están nos boletíns coas súas declaracións- digan que a lingua galega non pode desaparecer, porque temos unha literatura importante, e os eruditos da lingua quéixanse de que a Unesco non os consultara a eles nas institucións lingüísticas da comunidade. Pero, home, como van consultar a uns cenáculos que valoran a vixencia da lingua galega en razón dunha dudosa, en xeral, literatura, e non da función social que compre a fala. A agresividade histórica do castelán, e a terrible do inglés en razón da colonización que padecemos, fan imposible que o galego alente. O problema das linguas non está nas institucións técnicas das falas, que non poden mais que recollelas, estudalas e purificalas. É da vontade do pobo, de quen o administra, da súa puxanza, de quen depende a súa implantación. Esto sería o primeiro que terían que declarar as institucións para non considerar un fracaso a súa labor en relación coa vixencia da nosa fala. O problema fica actualmente no trafego económico e mesmo comercial, con vontade de construir con acento propio, pois somos galegos porque temos unha fala propia. O problema noso ven da historia que padecimos, e que de algunha maneira parece que seguimos a padecer. Son ventos mesetarios que están no ambente para non nos deixar respirar como quixeramos. Sempre resultou sospeitoso que o poderoso reino de Castela e León consentiran a separación do condado portucalense do resto da Galiza que lles pertencía. Castelao dirá que o coraxudo príncipe xa poido levarse a toda Galiza. O rianxeiro lamentará que o príncipe tivo que aturar o sur de Portugal, que non é o mesmo que a cultura do norte, razón pola que Portugal non poido ser tan poderosa como Castela e León. ¿Que importancia tería a Galiza de entón no conxunto da Hispania? ¿Foi isto o que dentro de Castela e León quixeron evitar, e preferiron entón a súa fragmentación? Aos que se lles quedou parado o reló nos tempos do Conde Duque de Olivares non tentan pensar na necesidade que temos de reconstruir o que foi Galiza. Eso que temos ahí Os Precursores e o movemento Nós.