MANUEL ESPIÑA
21 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O admirable francés Marcel Légaut titulou un dos seus últimos libros Crer na Igrexa do futuro. Nel parte da análise do divorcio cada vez máis visible entre a Igrexa e a fe. E chega a preguntar se a xerarquía eclesiástica estará tan cega como para non darse conta. E, contra o sentir do cardeal Ratzinger dun fortalecemento da relixión baseada na autoridade, el propón volver á relixión de chamada, como foi a dos primeiros cristiáns. E nos últimos anos, ante o abandono do Vaticano II, o Espírito Santo suscitou o movemento Somos Igrexa, composto primordialmente de leigos, que son o noventa e nove por cento na Igrexa católica. Este movemento, que non quere ser unha entidade nova, senón que só intenta unir a tódalas persoas e grupos preocupados polo futuro da Igrexa e da familia humana, recoñece a actual crise como crise de valores, de costumes, de prácticas relixiosas e de vocacións. Ademais, a perda do eficaz soporte da muller e tamén a perda da xuventude e a crise nas doctrinas. Asegura que a solución existe, pero hai que fabricala, superando a dificultade de deixa-lo que herdamos e de sentirnos satisfeitos co que temos. E, para chegar ó verdadeiro cambio que pediu o Vaticano II, temos que ir a unha aventura, a aventura dun novo concilio. Pero un concilio de leigos, homes e mulleres, e no que os bispos e cregos sexamos só unha parte. E promete así un auténtico cambio, non quedando nuns remendos ou amaños. Somos Igrexa, para cambiar esta Igrexa que nos quita a fe e a esperanza, a espiritualidade e a alegría, cre te-los puntos de vista necesarios: non quere quitar a uns para poñer a outros, non busca que volvan ó ministerio os cregos casados, nin incorpora-la muller ó sacerdocio, nin pretende suprimi-los bispos... Déixase levar polas directrices do Vaticano II, que é a máxima autoridade, e tamén por certos bispos profetas, como Casaldáliga, e pretende substituír esta Igrexa de poder e autoridade por unha Igrexa de chamada como foi a vida de Cristo, que loitou ata a morte contra a autoridade relixiosa do seu tempo.