AQUELAS MONXAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

21 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando eu cheguei a estudiar a Santiago, alá polos anos sesenta, tiña varias compañeiras de curso que eran monxas. Habíaas de distintas ordes ou congregacións, algunhas tan discretas na maneira de vestir e de adornarse que un non sabía ben se estaba diante de rapazas pouco interesadas na moda e nos afeites ou en presencia dunhas mociñas da aldea inadaptadas ós moldes un tanto frívolos da vida moderna. En xeral, as monxas eran moi estudiosas, case chaponas, e andaban moi preocupadas polos apuntes e polos libros que recomendaban os profesores e que raramente se podían atopar na biblioteca da Facultade. Boa xente. De todas as monxas do meu curso, as que máis chamaban a atención eran aquelas que levaban na cabeza unhas toucas brancas e aparatosas que lles conferían o aire dun avión ou dunha avioneta. En realidade, tiñan como un par de ás despregadas a cada lado das orellas, sobre os ombros, cunha envergadura considerable, quizais non menos dun metro e medio de punta a punta, perfectamente ríxidas gracias a un paciente e coidadoso amidonado. Co gallo de seren tan estudiosas, as monxas aviadoras ocupaban os primeiros asentos da aula, o cal non causaba maior problema cando se trataba dunha clase normal, como latín, pero que se convertía nun verdadeiro encordio nas clases de arte, por exemplo, nas que había proxeccións de diapositivas. Neste caso, se a un lle tocaba diante un daqueles artefactos, non vía nada ou retorcía o pescozo. Como sucede agora coa nena esa do velo, a xente estaba dividida. Uns protestaban ou berraban indignados, mentres que había quen cambiaba de sitio ou incluso quen se expuña en silencio a padecer unha tortícolis. Sempre é o mesmo.