A VERDADE ÁS ALDEAS

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

20 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O pasado día 9, os republicanos galegos tributáronlle unha homenaxe a Ramón Pérez Costales (1832-1911), emblema, na Coruña do seu tempo, do republicanismo federal. Ademais de apóstolo das súas ideas, foi un médico que exerceu o oficio con aureola de santidade laica. Era o médico dos pobres, como dicía, daquela, a voz do pobo. Médico dos pobres foi tamén o seu correlixionario Manuel Leiras Pulpeiro, que exerceu a medicina -e a poesía- no seu Mondoñedo natal nos mesmos anos. No seu epitafio, no cemiterio civil mindoniense, figuran estas palabras de ouro, que son xustas: «Amou a verdade e practicou o ben». ¡Eran xentes doutro tempo! Non sei que éxito de público -nin sequera entre os pobres- tivo o acto do día 9, pero a figura do humanista e filántropo Pérez Costales debería concitar, arredor do seu preclaro nome, o fervor de todos aqueles que, republicanos ou non, entenden que en política as instancias gobernantes deberían ser dos bos e xenerosos. Gran orador como tribuno republicano, Pérez Costales chegou, ás veces, ó corazón de persoas que militaban noutras tribunas. Sabido é que a propia dona Emilia Pardo Bazán sentiu fonda simpatía por aquel home de ben. En efecto, a condesa de Pardo Bazán -que non era de esquerdas, nin tampouco de dereitas nin de centro- prologou un libriño de versos do ilustre republicano: Perucho (Poema en seis cantos), 1887. Hai máis. A gran escritora coruñesa, nunha novela pouco lida, La piedra angular (1891), crea un personaxe, o do doutor Moragas (don Pelayo Moragas), que é un trasunto claro do médico coruñés dos pobres. Pérez Costales foi un excelente prosista, sobre todo un prosista moi didáctico, xénero no que cómpre salientar La verdad a las aldeas, que subtitula Folleto republicano. En 1873, ano da I República, anima ás xentes do campo para que o próximo 14 de maio, día de eleccións lexislativas, voten para construiren unha República que sexa modelo (non farsa). Apela á conciencia dos votantes para que pensen se queren «una República para los ricos, los poderosos y los holgazanes, o una República igual para todos y buena, sobre todo, para los pobres y los trabajadores». Aínda que non son palabras revolucionarias, son, claramente, subversivas, especialmente no medio rural galego de 1873 onde a única prédica pública era a do clero e a dos caciques monárquicos. ¡Acababa de chegar á aldea a palabra laica e emancipatoria! Quen teña curiosidade por certos textos de Pérez Costales, consulte a colectánea Republicanismo coruñés, que acaba de edita-lo Concello da Coruña (compilación de Xosé Alfeirán Rodríguez e Ana Romero Masiá), volume que recolle unha famosa carta do noso autor ó rei Amadeo I. Que non procesaran a Pérez Costales polas tres primeiras liñas proba a liberalidade das leis ou dos maxistrados de 1872.