ADEUS A LEDA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

20 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Morreu Leda, como temía. Déronlle un par de pinchazos con antibióticos, pois parece que tiña unha septicemia, pero non lle serviron de nada. Cando nos decatamos de que as esperanzas de que se salvara eran moi remotas, puxémoslle unha manta nun dos seus recunchos predilectos da casa, ó pé dun radiador, e acompañámola dicíndolle algúns cariños e facéndolle algunhas caricias. Nun momento pareceu que quedaba durmida e eu subín ata o meu cuarto de traballo. Ó cabo duns minutos baixei de novo, para ver como estaba, e xa a vin morta, con aspecto tranquilo. Un amigo axudounos a enterrala. Despois foi a primeira noite sen ela. Xa dixen onte que Leda era unha cadela santa, e moi intelixente, como son todos os cans da súa raza. Nacera en Lugo hai dez anos e chegara ata nós de cachorriño, como regalo de Pérez Vidal, que daquela era conselleiro de Agricultura e a quen eu lle creara un pequeno problema neste periódico, cando denunciei que me acababan de morrer dous cans labrador por culpa da procesionaria dos pinos, que a Xunta non fumigaba. Leda viviu con nós dez anos, a non ser durante os veráns, que pasaba as vacacións nunha das fincas colindantes, na casa duns amigos, que a acollían para que descansase un pouco da tensión que lle creaba a outra cadela. Queríanlle moito e consentíanlle cousas, como durmir nun sofá ou comer algo máis da conta. Cando volvía para a casa, no comezo do outono, estaba gorda e un pouco vaga, pero feliz. Ás veces, mirando para ela, a min custábame entender que non falara, tan lista que era. Polas noites, vía a televisión e eu creo que entendía moito. Cando saía un león, dáballe as costas. Deitada na alfombra, non se cambiaba por el.