ISAAC DÍAZ PARDO
17 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Publicado pola Editorial La Olmeda na Colección Corona de España, acaba de saír un estudio exemplar sobre o rei García de Galiza da autoría de Ermelindo Portela, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago. O volume, de apertado texto e notas, en 250 páxinas, paréceme que esgota as fontes coñecidas até hoxe sobre o tema, recollidas con rigor do que din uns e outros nas crónicas e documentos, moitos deles contradictorios. Mais Ermelindo non fai afirmación algunha que non esté documentada. Non cita, nin falla que fai, a un medievalista contemporáneo, do que prefiro non recordar o nome, que afirma: «Sancho, camuflando su campaña como una peregrinación a Santiago, se apoderó de su hermano García». E xustifica tódalas inxustizas e crimes que se fixeron para a «unificación de los tres reinos, Castilla, León y Galicia, bajo su única autoridad». Refírese, claro está, a Alfonso VI. Sen comentarios. Valorar os silencios Entre as virtudes que eu vexo na investigación de Ermelindo, está, salvando a seca de testemuños para construír a súa historiografía, o valorar con rigor e sen teima os silencios que foi atopando. Por poñer un único exemplo: Sisnando Daviz, conde mozárabe, home que ás ordes de Fernando I e máis tarde de Alfonso VI desempeñou un importante papel na área fronteiriza ao sur do reino, principalmente en Coimbra, reconquista consolidada no 1064, di que logo da morte do rei Fernando obtivo o reino o seu gloriosísimo fillo o rei Alfonso. É dicir, este mozárabe sumiso a quen ten o poder, Alfonso VI, mentres García está encadeado no castelo de Luna, ignora no seu escrito a existencia e o drama do rei galego. E eu engado pola miña conta, con ollos maliciosos dun vello traballador sen formación universitaria, que os silencios manipulados se repiten na historia sen tregua, pois, mira ti, cantos silencios tivemos que padecer na longa noite de pedra e na súa continuación. Ésta é unha crónica lixeira dun inconformista, non a dun estudioso profesional da historia que poda valorar ben as 250 páxinas de apertada documentación que rodea o fito histórico do derradeiro rei de Galiza, estudiado por Ermelindo Portela, onde se limpa a súa imaxe das grotescas e interesadas acusacións que lle fixeron, cando só a ambición típica de fillos que se queren quedar con todo, incluído co dos seus irmáns, é a responsable desa especie que desfixo o destino do noso povo e ao final perdeu para a unidade da Hispania a súa rexión máis importante. O rei García de Galiza morre no castelo de Luna no 1090, logo de 20 anos encadeado. Pediu que o enterrasen cos grillóns nos pés a carón do seu pai. A Crónica General de 1344 di que Alfonso «...madou que lhe tirassem os ferros. Mais o rei dom García nõ quis; ante disse que, pois deles nõ saira cando era sãao, que nem agora queria quando era enfermo (...) acerca da sua morte, e que porem demandava que o soterrase cos seus ferros...». Portugal e Galiza O rei reinante e a súa corte de hipócritas tentaron lavar a súa mala conciencia con solemnes exequias... Foi soterrado no Panteón de San Isidro de León: «Aquí yace do García, rey de Galicia y Portugal...», reza a lápida, equivocando pois que, cando o destronaron, o que logo foi Portugal, era só o condado portucalense da Galiza.