DÚAS OPINIÓNS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

12 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Volvendo á historia de onte, eu nunca entendín que don Pío Baroja escribira unha vez que Mateo Morral, o home que matou a vintetrés persoas en Madrid o día da voda dos reis don Alfonso e dona Victoria Eugenia, era o único xoven que houbera en España. É certo que Baroja, polo menos na súa mocidade, sentiu certas simpatías polo anarquismo violento, pero cando se produciu o atentado da Calle Mayor, o novelista pasaba dos 30 anos. Xa dixen que foi ver o cadáver xunto co seu irmán, o pintor Ricardo, que fixo un retrato do morto, con Valle-Inclán e outros amigos da farándula artística e literaria, golfa e bohemia. Moitos escritores, ó longo do século XX, teñen sido bastante irresponsables neste tipo de cuestións, como demostraron apoiando centos de causas innobres, desde o estalinismo ata o terrorismo de Pol Pot, sempre en nome da redención da humanidade. Baroja non foi unha excepción. El mesmo se consideraba un rabioso e facía proclamas incendiarias, reclamando pouco menos que a purificación do mundo a través do lume. De vello cambiou algo. Nunhas cousas cambiou para ben e noutras para mal. Empezando polas segundas, a don Pío deulle por pedir unha dictadura para España, que logou se fixo realidade e non o tratou con demasiadas consideracións. Eu aínda recordo o día do seu enterro, sendo rapaz, que conmoveu a todos cantos admirabamos a aquel home como escritor. Morra o conto, como diría Risco. Nas cuestións nas que cambiou para ben, Baroja utilizou a sensatez e o sentido común. Por exemplo, para falar de Mateo Morral. Sobre el dixo tamén: «Es raro que pueda haber gente tan simplista que por tirar una bomba en la calle piense que se va a arreglar la sociedad».