LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO
11 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Os historiadores estamos unha miga asombrados do recente aire de revival que se respira: volve a reválida, volve o patriotismo anterior ao republicanismo e agora seica se cuestiona a Desamortización. Ven isto a conto do que está camiño de se convertir no asunto Bonaval e que, amais dunha sentencia antihistórica e prorromana, xa deu contas dunha obra de arte pagán do X. Freixanes... e as sorpresas que poida depararnos o futuro. O revisionismo histórico, como programa social ou político, nunca é inocente e sempre ten consecuencias. ¿Ulo a importancia da Historia, pregúntanse os meus colegas químicos? ¿Para que serve?, pregúntanse mesmo os meus estudantes que aínda non saben de que han vivir. Para definir o presente, dígolles eu sempre. Daquela, quen mude o pasado poderá cambiar o presente, ou viceversa, para mudar o presente hai que cambiar o pasado. O pasado pode asumirse ou non en función dos proxectos políticos do presente. Non é que o pasado cambie, pero é tan amplo e contradictorio que admite a escolla dende o presente. Nos últimos tempos vémolo a cotío. A Desamortización deu lugar a centos de libros, milleiros de artigos e ducias de congresos só nos últimos trinta anos. Hai unha análise do seu sentido histórico, unha descripción de resultados, unha avaliación dos seus efectos, un estudo minucioso do seu percorrido histórico dende a de Godoy no século XVIII ata o seu final xa nos primeiros anos do XX. Polo medio Mendizábal, Espartero e a Desamortización Xeral de Madoz. ¿Quedoulle algo a D. Pascual sen decir que debía desamortizarse? Ninguén o descubrira ata esta sentencia. A Desamortización dos liberais decimonónicos ten innegables semellanzas coas actuais ondas privatizadoras, desencadeadas pola revolución conservadora. Coa privatización das mans mortas da Igrexa, o liberalismo clásico buscaba por en valor unha riqueza mal aproveitada, expropiando, nacionalizando e vendendo os seus bens a quen puidera ter recursos para tirarlle millor proveito. Queríase tamén definir millor os dereitos de propiedade, algo no que o liberalismo de onte e de hoxe estivo sempre empeñado como garantía básica para o funcionamento dos mercados. Queríase, ao fin, rachar o poder económico dunha institución, a Igrexa católica española, incompatible co programa político e económico do liberalismo do século XIX. Ao cabo, e despois de tres guerras carlistas, os dereitos do Estado situáronse por riba dos da institución do Antigo Réxime, e dos dereitos privados ao culto católico. Non só Bonaval; moitos outros conventos, centos de capelas, e todos os dereitos sobre as terras fóronlle retirados. Sen saír de Santiago: o mosteiro de Conxo (actual psiquiátrico) ou o mesmo Pazo de Raxoi foron rescatados das mans mortas eclesiásticas. Se hai que recuperar o pasado tamén podemos escoller, dende a soberanía do civil, devolver a estatua de Montero Ríos, aquel ministro de Gracia e Xustiza que arrebatou á Igrexa o monopolio de inscribir aos nados e casar aos vivos, ao seu emprazamento orixinal na praza do Obradoiro, de costas á Catedral e de cara ao poder político sito no Pazo do Concello. Como afirmaba choqueiro un redactor deste xornal, confiemos en que os papeis da Catedral estén en regla. Porque ao neoliberalismo pode darlle por unha segunda desamortización. Ou, quizabes, alguén poda preguntarse canto gastamos anualmente todos os cidadáns na Igrexa, coa disculpa da conservación do patrimonio eclesiático.