CONSELLO ANARQUISTA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

11 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Como é sabido, o día 31 de maio do ano 1906, o anarquista catalán Mateo Morral lanzou unha bomba desde o número 88 da calle Mayor, en Madrid, contra a carroza que levaba ós reis de España, don Alfonso e dona Victoria Eugenia, camiño do Palacio Real. Regresaban do templo onde acababan de casar. Por sorte para eles, unha guirnalda que atravesaba a rúa desviou o artefacto explosivo, que foi caer entre a xente que contemplaba o paso da comitiva. Resultado: vintetrés mortos e máis de cen feridos. Horas máis tarde, o causante daquela masacre, sentíndose acurralado, pegouse un tiro no peito, despois de matar a un garda. Agora, cando pasaron case cen anos daquel suceso que conmoveu ó mundo e que non serviu para nada, a revista Cuadrante, que edita a Asociación Amigos de Valle-Inclán, fala da relación que tivo don Ramón co anarquista Mateo Morral, a quen coñeceu na tertulia do café que frecuentaba entón. Valle sentiu simpatía polo rexicida e dedicoulle un poema. Tamén lle fixo unha homenaxe en Luces de bohemia. A Baroja tampouco lle caía mal. Houbo outro escritor galego relacionado con Morral: Julio Camba. A este interrogouno a policía naquel entón. Confesouse anarquista, dixo que coñecera ó autor do atentado dous anos antes, na redacción da revista El Rebelde, e que o día que soubo do seu suicidio, foi ver o cadáver, para estar seguro de que se trataba da mesma persoa. Non sei que esta historia tivese consecuencias para Camba, que xa daquela estaba convertido nun señorito e no gran periodista que sería despois. Por certo que a el lle debo unha norma como columnista: non falar de política nin de relixión nin de sexo. Bo consello dun vello anarquista.