NON SE PODE ESTAR A TODO

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Ando eu desconcertada coa noticia do sacerdote que se manifesta publicamente homosexual e non practicante do celibato eclesiástico. Dada a miña postura de defensa da homosexualidade como unha vía normal de comportamento, e dado o meu rechazo ó celibato eclesiástico, que me parece fonte de infinidade de problemas, dado todo eso e ademais a miña simpatía polas causas perdidas, eu debería estar a favor dese cura. E, non embargantes, non o estou. Hai un elemento de escándalo neste asunto que a min persoalmente me pon en garda porque vexo o perigo que entraña converter problemas moi serios nun espectáculo de masas ó estilo de Gran Hermano ou dos reality shows. Pero, por outra parte, que se fale deso na prensa e na televisión sen aventurar xuízos condenatorios, paréceme un bo signo de canto teñen cambiado os tempos dende que se implantou a democracia. Mesmo os membros do clero e da autoridade eclesiástica -coas excepcións de sempre- manifestaron unha postura que se pode calificar de respectuosa co problema do cura en cuestión. E por parte da maioría dos informadores ou comentaristas laicos advírtese unha non disimulada simpatía cara a unha persoa que se atreve a confesar abertamente o que moitos fan en silencio e ás agochadas. ¿Por que a min non me acaba de convencer a maneira na que o protagonista presentou este asunto? É moi posible que me estea volvendo carca, normal e triste evolución que os anos traen consigo. Pero tamén penso que os problemas que hai detrás deste caso particular son demasiado fondos e antigos para ser tratados polos medios de comunicación como se do divorcio dunha folclórica se tratase. Estamos a falar da aceptación da homosexualidade sen discriminacións de ningún tipo; da necesidade dun aggiornamento da igrexa católica en todo o que se refire ós temas da sexualidade (relacións prematrimoniais, divorcio, control da natalidade, prevención do sida mediante preservativos e, por suposto, celibato eclesiástico...). Demasiados problemas para convertelos no caso dun cura que sae do armario. Outra razón da miña disconformidade expresouna moi ben unha filigresa dese cura. A muller, de mediana idade e aspecto moi popular, explicoulle ó da tele que o de ser homosexual tanto daba, porque cada un é como é, ou sexa, como Deus o fixo (conmovedora razón que esgrimiron moitos homosexuais crentes). Pero que o do celibato era cousa distinta, porque para ser cura tiña que ser así. E concluíu: «No se pué estar a tó». Normas aceptadas Eu tamén o penso. As críticas pódense facer dende dentro das institucións, pero non incumprindo as normas que voluntariamente temos aceptado. Eu podo dicir que a universidade española é na actualidade unha caricatura patética do que debe ser unha universidade. Pero que sexa unha institución degradada e caciquil non me exime de cumprir cos meus deberes de ensinante. Nin a postura inxusta e retrógrada da igrexa exime ós curas de cumprir cos seus. Se eses deberes se fan insoportables coido que o que hai que facer é marchar, sen agardar a que o boten a un, e entón denunciar os feitos. Estou de acordo coa paisana. Non se pode estar a todo: ou repicas ou vas a misa.