ALGO MÁIS CA UNHA REVÁLIDA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

07 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Dicía daquela don Luis, o profesor da preparatoria: «Aquí non regalan nada, rapaces. Para un óso hai mil cans. Máis de tres faltas, non pasa». E empezaba a dictar. Tiña un exemplar do Quixote. A historia de don Alonso Quijano. Dende o principio a idea era esa: a vida é unha carreira de valos e hai que sabela correr. Quen non deprenda a facelo, quen non se esforce ou, simplemente, non chegue, fica fóra da pista. Empezabamos con dez anos, no exame de Ingreso. Un dictado, catro nocións de xeografía e historia e unha conta de dividir. A Enciclopedia Álvarez. Viña despois a reválida de cuarto, que era a culminación do Bacharelato elemental. E logo, a de sexto, que nos daba o título de Bacharelato superior. Por último, a selectividade, para acceder á Universidade. Catro probas. Cada unha cerraba un ciclo. Ese foi o noso plano de estudios, anterior á EXB e á reforma de Villar Palasí. A carreira da vida Non defendo ese modelo. Pero tampouco debemos cometer a inxenuidade de pensar que o mundo é doutra maneira. O vello profesor tiña razón, aínda que tal coma nolo pintaba o horizonte parecía bastante feroz, debo recoñecelo. Isto ten moito de carreira de valos, e hai que saber correr. A vida é competitiva, non un bálsamo de rosas, e o sistema ten dúas obrigas básicas para cos cidadáns. Primeira, capacitar ós individuos para poder desenvolvérense con eficacia e eficiencia no mesmo. E segundo (moi importante dende os principios da xustiza social e a democracia), garantir a igualdade de oportunidades, por riba de diferencias de formación inicial ou de clase. Non é igual, nin parte da mesma liña de saída, un rapaz criado e educado nun contorno culto, rodeado de libros, cos pais instalados nun certo nivel social, económico e cultural (currículo oculto), ca un rapaz ou unha rapaza de extracción humilde que non dispón deses principios de saída. Aí é onde ten que entrar o Estado. Para iso está o ensino público. E aí é onde, na miña opinión, erra o planteamento inicial da nova proposta que o Goberno acaba de facer para a reforma do sistema educativo. O sistema precisa dunha reforma substancial, profunda, ambiciosa. Dificilmente atoparemos quen diga o contrario. Unha reforma de longo alcance, capaz de competir e homologarnos cos modelos europeos nos que, queirámolo que non, estamos insertos. O modelo anterior (o socialista) está esgotado, mesmo recoñecendo o avance que no seu momento representou. Diría máis, en realidade nunca chegou a aplicarse en toda a súa potencialidade, entre outras cousas por un problema de financiamento. Non hai reforma posible sen medios (económicos e humanos), calendario, formación e obxectivos claros para levala a cabo. Vinte anos despois preséntasenos a ocasión de revisalo. O erro do planteamento, igual que sucedeu coa LOU, volve estar nas actitudes e na ausencia de diálogo. ¿Pode aínda correxirse? Deberiamos pensar que si. ¡Hai que facer un esforzo para que así sexa! A educación esixe consenso, polo que significa de compromiso e investimento social a longo prazo. A educación é un fenómeno complexo que atinxe ó conxunto da sociedade (pais, alumnos, profesores, institucións públicas), non algo que se poida ou deba impoñer por real decreto, sectarismo de grupo ou tácticas de sondaxe. Nunca o ensino estivo tan desanimado, tan escéptico, tan desmotivado. É unha reflexión necesaria para o Goberno e máis para a oposición.