MÁIS RESPOSTAS DE NENOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

04 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Hoxe vou seguir falando do libro sueco do que falei onte, elaborado coas respostas dadas por un grupo de nenos e nenas moi noviños, en diálogo con adultos. Por exemplo, Majken, de sete anos, dixo: «Xesús veuse obrigado a andar polas augas porque naqueles tempos aínda non se inventara o motor para os barcos e porque tampouco tiña aletas de natación. O motor inventouno despois un que se chamaba Bell. Tiña unha mazá na cabeza». A tolerancia relixiosa aparece na seguinte frase de Hanne, oito anos: «Non é seguro que Deus teña razón en todo o que di. Pode ser que Alá tamén teña razón, aínda que viva en Pakistán». Respecto do corpo humano, Lars, de seis anos, dixo unha frase dunha lóxica contundente: «O estómago é moi importante porque se non o tiveramos, a comida podía caernos polas pernas». O motivo de que os nenos nórdicos coman ovos por Pascua parécelle moi claro a Frida, de sete anos: «Comemos ovos pola Pascua porque a Xesús lle gustaban moito as galiñas». Hedda, de cinco, pensa: «As galiñas poñen ovos e os porcos poñen chourizos». A inocencia de Helen resulta poética: «O rei dos animais chámase león, pero vive tan lonxe de aquí que non pode axudar ós nosos animais». A Karin, de cinco anos, vanlle ter que explicar as cousas do racismo, por se acaso: «Hai algunhas vacas negras. Son inmigrantes». Para Tone, tamén de cinco anos, «cando alguén ten catro patas, xeralmente non é unha persoa». A diferencia entre as persoas e os animais, en cambio, é moi clara para Arvid, de seis: «A diferencia entre a xente e os animais está en que cando os porcos están ben cebados, a xente cómeos». Por último, Sandra, de seis: «As mulleres teñen o sexo máis débil».