UN E TODOS OS DEMAIS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

01 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando eu era rapaz, nos anos da miña adolescencia, gustábame asistir, como mirón, ás partidas de cartas que a miña nai botaba coas súas amigas polas noites, durante o inverno. Non é que me interesase moito o xogo, que nunca cheguei a entender moi ben, senón que me entretiña a conversa que mantiñan entre elas mentres lle daban ó naipe con entusiasmo, emocionadas diante da perspectiva de gañar vinte pesos, ou de perdelos. Falaban coma se eu non estivese diante, situado en segunda fila e caladiño, sen ter ademais fama de gafe, o cal facilitaba a miña presencia discreta naquel alborotado cónclave de comadres. Había unha señora parlanchina, sen subconsciente, que me tiña alucinado. Sendo fea como unha cabra, falaba das feas cun desprezo digno dunha beleza distante, case estratosférica. Un día situou o listón da súa audacia a gran altura. Esquecéndose de que era pequena e algo rebolo, tipo pipote, dixo unha frase fantástica: «A min, a xente gorda dáme noxo». O peor foi que outras dúas gordas, menos gordas ca ela, se puxeron coloradas. Onte pola mañá, nada máis espertar, escoitei na radio unha entrevista cun cura que se estaba proclamando homosexual. O locutor, home educado e correcto, tratou o asunto con elegancia, sen morbo de ningún tipo, dunha maneira tan aséptica como se estivese falando do triángulo escaleno ou preguntándolle a un médico polo píloro. Unha hora máis tarde, atrapado na autoestrada durante máis de media hora por culpa dun accidente, escoitei ó mesmo locutor que se refería ó cura citado, lamentando que de agora en adiante os periodistas lle ían dar a tabarra facéndolle entrevistas. Como a amiga gorda da miña nai. Triunfo e arrastro.