ANTONIO PALACIOS

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

31 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Vina primeiro en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, que dende hai tempo anima e dirixe o noso amigo César Antonio Molina, alma de todo isto; e agora está na Coruña. Seica a parada seguinte pode ser Vigo, a cidade á que o arquitecto adicou o seu proxecto galego máis ambicioso, comparable ó que había de concebir poucos anos despois (1936-1939) para as grandes áreas de crecemento metropolitano de Madrid. Estou a falar da magnífica exposición que acaba de inaugurarse en Galicia, na cidade da Coruña, arredor da figura e da obra de Antonio Palacios (1874-1945). Un e outro, o gran soño madrileño e o proxecto vigués, nunca chegaron a realizarse. Se acaso quedaron marcas, pegadas simbólicas do que puideron ser (o teatro García Barbón, por exemplo, daquela nomeado Rosalía de Castro), pero ámbolos dous pertencen a eses territorios da utopía (ou da frustración) que algúns estudiosos denominan arquitectura soñada, como as edificacións e os espacios urbanos que Gómez Román imaxinou no seu día para o Parlamento de Galicia que habería de sair do Estatuto da Segunda República, a residencia do presidente, o Seminario de Estudos Galegos... O que máis me interesou da exposición de Palacios, de entre a súa variada e fastuosa producción, foron precisamente estes proxectos non realizados. En parte polo que teñen de talento libre, creación sen pexas nin condicionamentos materiais, pero tamén polo esforzo de planificación e traballo que, malia o anterior, había en todos eles. A arquitectura, como tódalas artes, existe cando se constrúe e o creador (o arquitecto) enfróntanse sempre a unha dobre dificultade: a concepción do proxecto e a súa realización, que ás veces nunca chega a materializarse. Por iso falaba antes de frustración, moito máis ca de soño ou de utopía. Imaxinemos por un momento esa Gran Vía aérea sobre o río Manzanares en Madrid, tal como Palacios a concebíu, no marco dunha espectacular remodelación do centro da cidade, incluída a Porta do Sol, e as áreas de expansión urbana. Imaxinemos Vigo, segundo o proxecto presentado ó Concello da cidade en 1934. ¿De que cidade falariamos no noso caso? O visitante ten a oportunidade de deixar ceibe tamén a imaxinación. Un gran espacio público entre a ría (o porto e o Clube Náutico) e o monte do Castro. Hai algo que nos recorda á Barcelona que xorde da gran burguesía de principios do século XX, quizais porque na cidade galega unha parte desa mesma burguesía, afincada entre nós (a industria do mar), parecía que anunciaba un cambio: o anuncio da modernidade. Eran os días da Segunda República. Aquel tempo de entusiasmo, do que tanto gustaba falar Rafael Dieste. Palacios entra sen complexos no urbanismo moderno. Pequenas aldeas (zonas residenciais) incorporadas ó planteamento xeral da urbe atlántica. Espacios públicos, abertos, para que corra o aire. A beleza como principio estético e funcional. Algo deberiamos deprender hoxe daquilo. ¿Por qué non se logrou? En 1934, o Concello vigués acordou con entusiasmo nomear a Palacios arquitecto de honor da cidade. Os que viñeron detrás, logo do gran desastre (1936), déronlle o carpetazo.