TERRA ANTIGA DE PROVENZA

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

28 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Non hai moitos anos aínda andabamos de vagar por camiños provenzais. A xeografía, a alma coa que batiamos no noso andar, xa nos eran familiares. Tiñámo-los descuberto nos versos de Federico Mistral. O poeta fixera traspasar a paisaxe polo cristal das súas cancións. Formárase na tradición labrega, pero non era só home de alxibeira e caiado. Era tamén personalidade enteira, de lecturas coidadas. Por vieiros de humanismo chegara Mistral á beleza da terra natal. Para nós a súa poética reflectía escintilos raiolantes; de historia e continuidade, de tradición e compaña. Para edificar a alma de Provenza levou o poeta a Fontdegugne, de Mallaine, a primeira estrofa de Folibrige. Mentres percorríamos a antiga terra provenzal, conservabamos vivos os versos de Mireya. Actualizaban na nosa lembranza ó país embalsamado, cheo de homéricos cantos. Así mesmo, con acentos virxiliáns, con música pegureira de frautas ou zanfonas. Alí estaban as tabernas de Arlés, as romarías de Aix, as frescas albadas, os recendos silvestres. Figuraba tamén o proel de culturas clásicas, no sulco das cancións. Aquelas que labrara o poeta, desde a noite á alba, no Mas de Juge. Cando o manuscrito de Mireya florecera na lingua d''Oc, o seu milagre contaba xa co selo nunciador da profecía. Matinabamos que, á marxe da súa formación humanista, Mistral sentiuse sempre orgulloso das súas raizames campesiñas. Amosouse como raro exemplo de fidelidade á terra propia. O xenio, o estilo, adobaban a inspiración. Seguindo semellante ronsel, latexara a emoción de Calendal e do Poema do Ródano. Escritos en lingua d''Oc gañaron trunfos, verteron influxos na paisaxe posterior da literatura francesa. Deambulando pola xeografía da vella Provenza, rememorémo-la como berce de líricas cantigas, de trobeiros e de frescas albadas. Imaxinabamos a saudade, asomándose con reluz de histórica ventura. Os versos do poeta de Mas traducían, no seu cerne, os ecos da creación lexendaria. Entre as flores de Mallaine, tamén tiñan as escolmas clásicas os seus risos máis atraentes. Sempre nos espertaba na andadura, o borboriño do tradicionalismo do tradicionalismo provenzal. Viña á nosa memoria a pegada espiritual dunha historia campesiña, a limpa aboenza da paisaxe, o lírico aire das estrofas. Relembramos o xorro xerminativo da poesía medieval, a atmosfera de Mas de Juge. Un poeta que xa sendo mozo desfollara un Choix des poesies originals des Troubadors, que Raynouards publicara. Vive na memoria a emotiva viaxe pola Provenza. Unha belida cor azul perfecto, debeu ter o ceo nas horas da vizosa creación poética que evocamos. Mais cando visitamos aquela terra pareceunos que cobrara un azul-disgosto. Porque se mantiñan silandeiras, sen se anovar, as baladas vedrañas.